A ex de Hollande conta nun libro as decepcións que viviu co presidente francés

O libro escrito por Valérie Trierweiler, que ata a pasada primavera foi a parella oficial do presidente francés, François Hollande, conta detalles da súa relación e das decepcións que sufriu, pero non secretos de Estado, avanzou hoxe a revista Paris Match, que publicou breves fragmentos.

"Sobre cuestións de Estado, (Hollande) pode durmir tranquilo", sinalou Paris Match, que engadiu que Trierweiler "fala de amores, de rupturas e de paixóns". A existencia do libro, Merci pour le moment (Grazas polo momento), que se publica mañá en Francia, coñeceuse onte, e foi só entón cando o xefe do Estado tivo a primeira noticia, segundo Le Parisien.

Este diario, que citou a unha persoa presentada como próxima a Hollande, asegurou que non coñece o seu contido e que "está un pouco aterrorizado". A ex do presidente escribiuno en segredo e, para evitar que houbese filtracións, o seu editor traballou nel cun equipo reducido e enviouno a imprimir (200.000 exemplares, dos cales 120.000 vanse a repartir por librerías, quioscos ou hipermercados) a Alemaña, desde onde debía entrar hoxe en Francia.

Unha persoa que o leu sinalou a Le Parisien que vai ser "devastador para a imaxe de François Hollande" ao contar en detalle a historia dos dez anos da parella, a súa ruptura e as relacións entre ambos desde entón.

Entre os fragmentos reproducidos por Paris Match, hai un no que Trierweiler detalla que se decatou polos medios de comunicación de que Hollande tiña unha relación coa actriz Julie Gayet, revelada pola revista do corazón Closer o pasado mes de xaneiro.

Os outros refírense a cando Hollande se decatou en maio de 2011 do arresto do entón director do FMI, o líder socialista Dominique Strauss-Kahn (un dos seus rivais para a candidatura do seu partido ás presidenciais). Tamén inclúen unha mostra de celos de Michelle Obama, a muller do presidente estadounidense, Barack Obama, e a aparición da actual ministra Ségolène Royal (nai dos fillos de Hollande) cando o xefe do Estado ceaba con Trierweiler nun restaurante.

Comentarios