A CIA actuou dun modo ''máis brutal'' do que dixo ao Congreso

O informe do Comité de Intelixencia do Senado de EE.UU., revelado hoxe sobre as técnicas de interrogatorio da CIA, asegura que os axentes actuaron dun xeito "máis brutal" do que indicaron aos lexisladores e aos estadounidenses e que, ademais, os seus métodos non foron efectivos.

O informe, publicado hoxe tras cinco anos de recompilación de documentos e investigacións, aborda o uso de controvertidos procesos de interrogatorio a sospeitosos e membros de Al Qaeda retidos en instalacións secretas en Europa e Asia nos oito anos posteriores aos atentados do 11 de setembro de 2001.

Segundo indica o estudo, os detidos tras os atentados das Torres Xemelgas de Nova Iorque sufriron prácticas tales como a privación de sono durante máis dunha semana, ou a ameaza continua de que non ían saír vivos da custodia á que estaban a ser sometidos.

Así mesmo, o texto indica que, coa aprobación do persoal médico da Axencia Nacional de Intelixencia (CIA), polo menos cinco dos prisioneiros foron sometidos a procedementos "médicamente innecesarios" de "alimentación rectal" ou "hidratación rectal", e outros tantos a baños de xeo. "Un dos interrogadores díxolle a outro detido que non irían a xuízo porque "non podemos deixar nunca saber ao mundo o que vos fixemos", relata o informe, no que máis adiante datalla que "axentes da CIA tamén ameazaron polo menos a tres detidos con facer dano ás súas familias, incluíndo aos fillos dun detido e ameazando con abusar sexualmente da nai doutro, e 'cortarlle a gorxa á súa nai'".

O informe do Senado describe así mesmo as prácticas de asfixia simulada practicadas ao recoñecido como cerebro do 11-S, Khalid Shaikh Mohammed, así como a outros detidos, definidos como "series de afogamentos" que en moitas ocasións lles producían vómitos.

Foi a senadora demócrata Dianne Feinstein, presidenta do Comité, quen presentou ante o pleno da Cámara Alta este estudo. Feinstein dixo que "nunca sería un bo momento para publicalo", dado o seu contido e a inestabilidade internacional en zonas como Oriente Medio, pero insistiu na necesidade de que sexa utilizado "para restablecer os valores do país". A lexisladora, que dirixiu a redacción do texto, explicou que "ningún axente da CIA, nin directores da CIA" informaron ao entón presidente de EE.UU., George W. Bush, sobre as técnicas que estaban realmente levando a cabo.

O informe apunta que funcionarios de alto nivel, entre eles os exdirectores da CIA George Tenet, Porter Goss e Michael Hayden, esaxeraron varias veces o valor do programa de interrogación nas sesións informativas secretas celebradas tanto na Casa Branca como no Congreso, ademais de en discursos públicos.

As conclusións do informe "deixan claro como este programa era moral, legal e administrativamente un erro", agregou a senadora. No entanto, Feinstein defendeu o papel da axencia de intelixencia no seu conxunto e apuntou a uns "poucos" encargados de executar o brutal programa de interrogatorios, que "non dubidou de cualificar como un exemplo de tortura".

Comentarios