Israel pedirá sancións a Iberia contra o piloto que dixo chegar a Palestina

O embaixador en Madrid escribirá unha dura carta ao presidente da aeroliña española
Aviones de Iberia.
photo_camera Aviones de Iberia.

Israel pedirá á compañía Iberia que sancione ao piloto que ao aterrar este mércores en Tel Aviv anunciou a chegada do voo a "Palestina", dixeron este xoves a Efe fontes do Ministerio israelí de Exteriores. "O embaixador en Madrid escribirá unha dura carta ao presidente de Iberia na que pedirá que se sancione ao piloto", dixo a Efe Emanuel Nahshon, portavoz do Ministerio de Exteriores.

Os feitos ocorreron presuntamente no voo 3316 de Madrid a Tel Aviv, no que o piloto, tras aterrar, deu a benvida á pasaxe a "Palestina" en lugar de a "Tel Aviv" ou "Israel". Testemuñas citadas polo diario Yediot Aharonot dixeron que esa foi a súa mensaxe en español, pero que cando o fixo en inglés si dixo "Benvidos a Tel Aviv".

O caso, que foi difundido polas redes sociais e este xoves está en todos os medios impresos, indignou a numerosos israelís que ían no voo e que entendían español, algúns dos cales recriminaron ao piloto ao desembarcar, segundo a versión do diario. Unha portavoz, aparentemente local, da aeroliña recoñeceu que o capitán do avión tivo un "erro" que foi "corrixido" cando fixo o anuncio en inglés.

Segundo o Yediot, a empresa pediu desculpas á pasaxe, asegurou que se abrirá unha investigación e que o piloto non voará na ruta ata que se aclare o episodio. Meses atrás, un piloto da compañía aérea italiana Alitalia realizou o mesmo anuncio polos altofalantes do avión antes de aterrar e foi retirado da ruta aérea.

Comentarios