Israel mata a tres comandantes de Hamás nun novo bombardeo

Tres supostos comandantes da á militar do movemento islamita Hamas morreron hoxe nun bombardeo da aviación de guerra israelí sobre unha vivenda da cidade de Rafah, no sur de Gaza.

Testemuñas informaron a Efe de que os corpos de Muhamad Abu Shamala e Raed al-Attar, altos responsables das Brigadas de Azedím Al Kasam, foron trasladados ao hospital de Abu Yusef Al-Najar da cidade despois de que máis dunha decena de mísiles fosen disparados sobre o inmoble de tres plantas.

Ambos eran obxectivos prioritarios de Israel, en especial Shamala ao que os servizos de intelixencia internos israelís relacionan coa captura en 2006 do soldado israelí Gilad Shalit na operación Kerem Shalom. Shalit estivo cinco anos en poder das milicias palestinas, ata que foi liberado nun intercambio con prisioneiros, algúns dos cales Israel volveu encarcerar o pasado xuño.

A morte do terceiro comandante, identificado como Muhamad Barhum, foi confirmada pola prensa local, que asegura que os seus restos se atopan entre os cascallos da vivenda destruída. O Exército israelí confirmou a morte dos dous primeiros, pero omitiu o nome de Barhom no seu primeiro comunicado aos medios sobre o ataque. No bombardeo, outros cinco civís morreron e polo menos corenta persoas resultaron feridas.

Segundo a prensa israelí, Israel cre que a unidade encabezada por Al-Attar foi a que lanzou o ataque contra uns blindados semanas atrás que acabou coa vida do tenente Hadar Goldin e dos seus seis compañeiros. O cadáver de Goldin non puido ser rescatado e o Exército cre que está en poder das milicias.

Ademais, outros tres palestinos faleceron durante os renovados bombardeos sobre a Franxa, que onte tiveron como obxectivo frustrado ao principal líder militar do movemento, Mohamad al Deif. Deif sobreviviu ao ataque contra o seu domicilio do barrio de Sheij Rawdan, na Cidade de Gaza, no que pereceron a súa esposa e un dos seus fillos, Ali, de sete meses.

Desde que o martes rompese o cuarto cesamento do fogo, ao redor dunha trintena de palestinos morreron en ataques das Forzas Armadas israelíes, cifra que eleva a preto de 2.050 o número de vítimas mortais palestinas no conflito, un 75% delas civís.

Ademais, pereceron 64 soldados israelís en combates coas milicias e un civil israelí, un beduino e un traballador asiático a causa do impacto dalgún dos máis de 3.000 foguetes lanzados polas milicias.

Comentarios