Islamitas, ultradereitistas ou ultras rivais, quen atacou ao Dortmund?

Un grupo neonazi reivindicou o atentado contra o bus do Borussia e ameazou con outro en Colonia. A teoría do terrorismo islámico esvaécese e non se descarta unha vinganza de seareiros radicais
Así quedó el autobús del Borussia tras las explosiones
photo_camera Así quedó el autobús del Borussia tras las explosiones

A policía alemá investiga un correo electrónico recibido polo diario berlinés Der Tagesspiegel, presuntamente de signo ultradereitista, onde se atribúe a autoría do ataque contra o equipo de fútbol Borussia Dortmund e se ameaza cun novo atentado, esta vez en Colonia.

Ese xornal informou na súa páxina web da recepción o xoves desa mensaxe, que están a analizar as autoridades e na que se ataca o modelo de sociedade multicultural e se menciona a Adolf Hitler.

O ataque con tres explosivos de que foi obxecto o pasado martes o autobús do Dortmund, cando se dirixía ao estadio para disputar un partido contra o Mónaco, foi "a última advertencia", afirma ese texto. Anúnciase un novo ataque, esta vez en Colonia, coincidindo co congreso do partido ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) do próximo día 22 e o que hai convocadas varias marchas de protesta de signo esquerdista.

No lugar do ataque contra o autobús do Dortmund acháronse tres escritos presuntamente xihadistas, de contido idéntico, reivindicando a súa autoría. Varios expertos alemáns cuestionaron a autenticidade destes tres escritos, xa que nin o contido nin o proceder seguen os esquemas do terrorismo islámico.

O semanario Focus, pola súa banda, insiste en que se segue a pista dalgún grupo de seareiros radicais do Leipzig, que actuarían como vinganza polos ataques sufridos de hooligans do Dortmunt nun partido entre os dous clubs o pasado febreiro.

No ataque do martes resultaron feridos o futbolista español Marc Bartra, que tivo que ser operado dunha rotura de radio no brazo dereito, así como un policía que custodiaba o vehículo. O partido quedou aprazado ao día seguinte, en que se celebrou baixo reforzadas medidas de seguridade.

Foi detido como sospeitoso un iraquí de 26 anos, que reside en Alemaña desde 2015, ao que se imputa pertenza ao Estado Islámico (EI) pero contra o que non se acharon probas que o vinculen co atentado contra o equipo de fútbol.

No Land de Renania do Norte-Westfalia conviven cinco equipos da Primeira división -Schalke, Colonia, Mönchengladbach e Bayer Leverkusen, ademais do Dortmund-, o que converte cada xornada da Bundesliga nun desafío.

Comentarios