Indonesia confirma a morte de 39 persoas na avalancha de Jemblung

As autoridades indonesias confirmaron hoxe a morte de 39 persoas por mor dunha avalancha na cidade de Jemblung, na parte central da illa de Xava, o pasado venres, mentres proseguen coas tarefas de procura e rescate doutros 69 desaparecidos.

Preto de 1.000 persoas, entre policías e voluntarios, participan na misión a medida que se desvanecen as esperanzas de atopar a algún sobrevivente da traxedia.

O terreo, que continúa fangoso, dificulta o traballo de retirada de cascallos e lodo, sinalou nun comunicado a Axencia Nacional de Mitigación de Desastres.

Segundo indicaron as autoridades locais, o alude produciuse polas fortes precipitacións rexistradas na rexión durante os últimos días.

Cada ano morren centenares de persoas por mor deste tipo de accidentes que son máis habituais durante a estación chuviosa en Indonesia, entre os meses de novembro e marzo.

"Os datos sinalan que 248 persoas morreron debido a avalanchas durante este ano", sinalou nun comunicado o portavoz da Axencia Nacional de Mitigación de Desastres de Indonesia, Sutopo Purwo Nugroho, segundo o diario Jakarta Post.

Comentarios