Hackean a conta do fundador e presidente de Twitter

Varias mensaxes de contido racista e violento permaneceron na conta de Dorsey durante 20 minutos
Jack Dorsey, presidente de Twitter. EFE
photo_camera Jack Dorsey, presidente de Twitter. EFE

O perfil oficial do cofundador e presidente de Twitter, Jack Dorsey, foi hackeado este venres con varias mensaxes de contido racista e violento que permaneceron na conta do directivo durante 20 minutos, ata que foron eliminadas. O departamento de comunicación de Twitter recoñeceu os feitos nunha mensaxe: "Somos conscientes de que @jack (nome de usuario do presidente da rede social) viuse comprometido e investigaremos o que sucedeu", publicaron na súa conta oficial.

De acordo con varios medios de comunicación, á primeira hora da tarde a conta do presidente de Twitter encheuse de mensaxes con contido ofensivo. Unha delas incluía un termo que en Estados Unidos se coñece como "palabra N", un termo que se evita pronunciar polas connotacións insultantes e racistas que supón para a comunidade afroamericana. Outras mensaxes publicadas avisaban de ameazas de bombas falsas nas propias oficinas de Twitter, á vez que se compartiron imaxes ofensivas con contido discriminatorio cara a diferentes colectivos ou que se burlaban de episodios históricos tráxicos.

Ademais de ser o creador da popular rede social, Dorsey conta con máis de 4 millóns de seguidores en Twitter, que recibiron tanto as mensaxes como varios enlaces dispostos polos hackers para que accedesen ao seu perfil.

De acordo coa publicación tecnolóxica The Verge, os tuits, enviáronse aparentemente desde Cloudhopper, unha aplicación de mensaxería móbil que a propia compañía adquiriu en 2010, ou a través dunha interfaz que emularía o orixinal. A mesma fonte sinalou que os autores deste caso poderían ser o mesmo grupo que atacou as contas de varios creadores de Youtube a semana pasada en Twitter.

Moitos dos influencers e YouTubers suxeriron entón que as súas contas foron violadas logo dun intercambio dos seus cartóns SIM, realizado por empregados da compañía de comunicacións AT&T.

Nos últimos anos foron varios os casos de contas pirateadas e secuestradas de políticos e celebridades na rede social, que conta con 139 millóns de usuarios diarios, segundo o seu informe financeiro correspondente ao segundo trimestre, publicado en xullo. 

Comentarios