Castro descansa no "berce da Revolución"

Os restos mortais do expresidente cubano foron depositados no cemiterio de Santa Ifigenia durante un acto privado

Os restos do líder da Revolución e expresidente cubano Fidel Castro descansan xa no cemiterio de Santa Ifigenia de Santiago de Cuba, onde foron depositados durante un acto privado sen acceso á prensa. 

O armón no que viaxaron as cinzas de Castro saíu xa baleiro do camposanto, cuxa entrada permanece bloqueada a esta hora, mentres ao redor de cen persoas agardan no lugar para entrar, segundo constatou Efe. 

A comitiva fúnebre cos restos do exmandatario, falecido o 25 de novembro aos 90 anos, chegou este sábado a Santiago tras percorrer durante catro días os case 1.000 quilómetros que separan A Habana desa cidade do oriente cubano, berce da Revolución. 

Polo momento a información que transcendeu sobre esta cerimonia de inhumación que pon punto final aos actos pola morte de Fidel Castro é escasa, e nin sequera a televisión estatal ha ofrecido imaxes, en contraste coa prolífica retransmisión en directo dos días previos. 

Á cerimonia íntima asistiron a familia e persoas máis achegadas a Castro e crese que tamén algunhas personalidades internacionais coas que tivo amizade

As cinzas supostamente foron depositadas nun panteón que se construíu de forma moi discreta en semanas ou meses previos ao falecemento do expresidente. 

Á cerimonia íntima asistiron a familia e persoas máis achegadas a Castro e crese que tamén algunhas personalidades internacionais coas que tivo amizade persoal, pero a súa entrada realizouse por un acceso privado ao cemiterio, polo que non se lles viu. 

A caravana coas cinzas de Fidel Castro partiu este domingo ás 6.40 hora local (11.40 GMT) do Parque da Revolución de Santiago de Cuba cara ao cemiterio de Santa Ifigenia. O avance do cortexo fúnebre pola cidade foi saudado por miles de persoas a ambos os dous lados das rúas que ao paso do armón coa urna gritaban "Eu son Fidel!". 

Este sábado na noite tivo lugar un acto masivo na Praza da Revolución Antonio Maceo no que participaron ao redor de medio millón de persoas segundo cálculos da televisión cubana, e onde o presidente do país, Raúl Castro, dedicou o último discurso de despedida ao seu irmán. 

Medios oficiais cubanos sinalaron que os restos de Fidel Castro serán depositados en Santa Ifigenia preto de onde repousan os do heroe nacional José Martí, os do pai da patria cubana, Carlos Manuel Céspedes; e de Mariana Grajales, nai dos xenerais independentistas José e Antonio Maceo.

Comentarios