Falece aos 66 anos o escritor Tom Clancy

O novelista estadounidense John Clancy, autor de obras de espionaxe, política e temas militares, morreu hoxe nun hospital de Baltimore aos 66 anos, segundo anunciou a súa empresa editora.

O anuncio de G.P. Putnam, unha filial do grupo Penguin, non precisou as causas do falecemento do escritor, que naceu en Baltimore, Maryland, e pasou alí toda a súa vida, e incluso foi copropietario do equipo de béisbol dos Orioles, un símbolo da cidade.

Coñecido sobre todo polos libros protagonizados por Jack Ryan, un analista da CIA a quen interpretaron no cine actores como Harrison Ford, Alec Baldwin e Ben Affleck, Clancy popularizou en plena Guerra Fría obras de temática militar e espías.

The Hunt for Red October (a arquicoñecida A caza do outubro vermello) (1984) ou Red Storm Rising (1986) foron as súas principais novelas desa época, marcada na vida real pola presidencia de Ronald Reagan e a súa aberta confrontación política cunha decadente Unión Soviética.

O inimigo a bater foi cambiando en obras posteriores, e así en Patriot Games (1987) eran os terroristas da IRA norirlandés, aliados con terroristas árabes, e en Clear and Present Danger eran os carteis colombianos do narcotráfico.

Posteriormente, o uso de armas nucleares por terroristas islámicos, guerras entre China e Rusia ou desercións de espías foron outros dos temas das súas novelas, nas cales o seu heroe Jack Ryan acaba chegando a ser presidente de Estados Unidos.

Durante todas as súas obras, igual que na vida real, Clancy mantivo unha firme ideoloxía conservadora a favor de que Estados Unidos manteña unhas Forzas Armadas e uns servizos de espionaxe fortes e ben financiados para facer fronte aos seus inimigos.

Clancy era axente de seguros ata que publicou a súa primeira novela, The Hunt for Red October, e o éxito desta obra permitiulle dedicarse á literatura.

A súa última novela, Command Authority, escrita xunto con Mark Greaney, ten prevista a súa saída ao mercado o próximo 3 de decembro.

O diario The New York Times sinala que dezasete das súas novelas chegaron a figurar na cabeza da súa lista de libros máis vendidos, a última das cales, Threat Vector, saíu á venda en decembro de 2012.

Tom Clancy tamén foi cofundador dunha empresa de videoxogos, que popularizou versións dalgúns dos seus libros, e o seu nome foi usado na serie de novelas Op-Center (centro de operacións), aínda que el non escribía as obras.

Comentarios