Falece Saraiva de Carvalho, o estratego da Revolución dos Caraveis

Pasou á historia como o home que deseñou o plan de operacións militares que puxo fin á ditadura de António de Oliveira Salazar o 25 de abril de 1974
Saraiva de Carvalho. EFE
photo_camera Saraiva de Carvalho. EFE

Otelo Saraiva de Carvalho, un dos capitáns militares da Revolución dos Caraveis máis emblemático porque deseñou o plan para acabar coa ditadura salazarista, faleceu este domingo en Lisboa, aos 84 anos.

Saraiva de Carvalho, que faleceu de madrugada no Hospital Militar de Lisboa no que ingresou hai quince días, segundo informaron medios locais que non precisaron a causa da súa morte, pasou á historia como o home que deseñou o plan de operacións militares que puxo fin á ditadura de António de Oliveira Salazar o 25 de abril de 1974.

Nacido en 1936 en Lourenço Marques, hoxe Maputo, capital da entón colonia portuguesa Mozambique, pasou a maior parte da súa infancia e mocidade en África, onde foi un dos responsables da intelixencia militar en Angola.

Alí empezou a tomar conciencia do problema colonial e en 1973 foi destinado a Lisboa, o que marcaría o seu papel na revolución.

ESTRATEGO DA REVOLUCIÓN. A súa casa na capital converteuse en centro de reunións e encontros que fraguaron o golpe e foi elixido responsable do Comité Executivo do Movemento das Forzas Armadas, a organización de militares que acabou coa ditadura.

Foi Saraiva de Carvalho quen deseñou e dirixiu as operacións militares que cercaron o Cuartel do Carmo, onde se atopaba o primeiro ministro Marcello Caetano (herdeiro de Salazar) e cuxa rendición ditou o éxito do levantamento.

Converteuse así en strong <>un dos principais rostros do 25 de Abril e formou parte do Consello da Revolución.

Saraiva de Carvalho aliñouse coa á máis radical do Movemento das Forzas Armadas e pasou tres meses en prisión pola súa implicación co levantamento esquerdista do 25 de novembro de 1975.

ELECCIÓNS E OUTRA VEZ A PRISIÓN. Tras a súa saída de prisión, presentouse ás eleccións presidenciais de 1976, as primeiras libres en democracia, onde quedou segundo co 16 % dos votos, por detrás de António Ramalho Eanes.

Volvería presentar a súa candidatura ás presidenciais de 1980, aquela vez con só un 1,5 % dos sufraxios.

A imaxe do capitán quedaría embazada anos máis tarde, cando volveu a prisión polas súas relacións coa organización terrorista de esquerda Forzas Populares Vinte e cinco de Abril (FP-25), que deixou varias vítimas mortais no país.

Saraiva de Carvalho foi acusado de ser "cerebro" e dirixente da organización terrorista, un feito que sempre negou, e pasou cinco anos encarcerado en prisión preventiva no forte militar de Caxias, nos arredores de Lisboa.

En 2011, nunha entrevista coa axencia Lusa, o militar mostrouse decepcionado con cuestións que aínda afectaban a Portugal, como as "enormes diferenzas salariais".

"Non faría o 25 de Abril se pensase que iriamos caer na situación na que estamos actualmente", asegurou.

O militar era bígamo, como foi revelado nunha biografía escrita polo xornalista Paulo Moura: casou novo e máis tarde tivo un segundo amor no cárcere. "De luns a xoves vive nunha casa; venres, sábado e domingo pásaos na outra", recolle o libro.

Comentarios