Expulsan do Parlamento grego un deputado neonazi que agrediu ao portavoz do partido conservador

Kasidiaris empuxou a Dendias, mentres varios dos parlamentarios neonazis arroxábanlle auga
Ilías Kasidiaris
photo_camera Ilías Kasidiaris

O deputado do partido neonazi Amencer Dourado (AD) Ilías Kasidiaris foi expulsado este luns do Parlamento tras agredir ao portavoz do grupo parlamentario de Nova Democracia (ND), Nikos Dendias, durante o debate da lei que contempla as medidas acordadas por Grecia e acredores para pechar a avaliación do rescate.


Durante unha intervención de Kasidiaris no debate, Dendias pasou por diante -a menos de medio metro- do deputado neonazi, que o increpou dicíndolle: "Non ves que estou a falar?", ante o cal o conservador se encarou co deputado de AD.

Tras isto Kasidiaris empuxou a Dendias, mentres varios dos parlamentarios neonazis lle arroxaban auga, segundo testemuños dos deputados presentes á prensa local.

Isto creou un gran balbordo na zona dos escanos e o vicepresidente do Parlamento que presidía a sesión, Makis Balaúras, chamou inmediatamente aos gardas da cámara, que tardaron varios minutos en chegar para expulsar a Kasidiaris.


Tras o incidente a presidencia do Parlamento propuxo que se exclúa aos parlamentarios de Amencer Dourado de todos os debates en comisión sobre esta lei e a Kasidiaris especificamente da sesión de debate plenaria que comeza o mércores.


A cúpula de Amencer Dourado atópase baixo arresto domiciliario, á espera de que finalice o xuízo no que afrontan diversos cargos, como o de pertenza a banda criminal, polo que a maior parte dos deputados do partido, entre eles Kasidiaris, só poden saír da súa casa para asistir ao Parlamento.

O Goberno grego introduciu o sábado a lexislación para cumprir cos termos da segunda avaliación do programa de rescate, acordados cos seus acredores internacionais a principios deste mes, e será votada o xoves 18 de maio.

A aprobación deste texto é un requisito imprescindible para que o Eurogrupo poida dar luz verde ao desembolso do próximo tramo, duns 7.000 millóns de euros, na súa reunión prevista para o día 22.

Comentarios