Expulsan dun mitin de Trump a unha musulmá que protestaba en silencio

Rose Hamid acudiu ao mitin cunha camiseta coa inscrición "Salam, veño en paz" co obxectivo, segundo comunicou á CNN, de mostrar que "cando empezas a deshumanizar, podes converter á xente en persoas cheas de odio"

Unha muller musulmá que se puxo en pé para protestar en silencio durante un mitin do magnate Donald Trump foi expulsada do acto despois de que varios simpatizantes do precandidato republicano á Presidencia de Estados Unidos a sinalasen e apupasen, informaron este sábado os medios locais.

Rose Hamid, unha muller de 56 anos que estaba sentada nas bancadas detrás de Trump durante un acto en Carolina do Sur, púxose en pé cando o magnate suxeriu que os refuxiados sirios "probablemente son do EI", o xihadista Estado Islámico.

A muller vestida cunha camiseta azul turquesa coa inscrición "Salam, veño en paz",  mantívose en silencio no medio do resto de simpatizantes, que empezaron a sinalala e a gritar "Trump, Trump, Trump!".

Efectivos de seguridade acudiron a expulsala do mitin xunto a tres persoas que a acompañaban e que levaban no peito estrelas semellantes ás que identificaban aos xudeus durante o Holocausto e nas que escribiran a frase "Basta de islamofobia".

Hamid dixo á cadea de televisión CNN que, mentres a expulsaban, varios dos simpatizantes de Trump gritáronlle "Fóra de aquí!" e un deles, incluso, preguntoulle se tiña unha bomba.

"Isto demostra como, cando empezas a deshumanizar ao outro, podes converter á xente en persoas cheas de odio", engadiu Hamid.

Antes do mitin, Hamid explicou ao mesma canle que decidira acudir ao acto porque cría que, "probablemente, a maioría dos simpatizantes de Trump nunca coñecera a unha persoa musulmá" e quería "darlles a oportunidade" de facelo para contrastar a retórica ofensiva que, ao seu xuízo, propaga o magnate.

Trump asegurou a finais do ano pasado que, se chega á Casa Branca, imporá un veto temporal á entrada da maioría dos musulmáns no país e tamén defendeu unha vixilancia estrita das mesquitas en Estados Unidos.



Comentarios