Estados Unidos aumentará a máis dun milleiro de soldados a súa presenza militar en Iraq

O Pentágono aumentará nos próximos días a súa presenza militar en Iraq co envío de máis 400 soldados a Bagdad, que elevarán o continxente estadounidense no país a máis de 1.200 militares para contribuír a frear a ofensiva dos yihadistas do Estado Islámico (EI).

En rolda de prensa hoxe o portavoz adxunto do Pentágono, o coronel Steve Warren, detallou que 405 novos soldados viaxarán nos próximos días para reforzar a seguridade da embaixada estadounidense en Iraq, mentres que 55 abandonarán o país, o que sitúa o incremento neto de tropa nos 350.

Warren indicou que o incremento non responde a ameazas "específicas" contra a legación estadounidense, senón a unha "análise en xeral da situación de seguridade".

Ata o momento hai 861 militares estadounidenses en Iraq para prover seguridade ás representacións diplomáticas, asesorar ao Exército iraquí, recompilar intelixencia e participar nas operacións aéreas de distribución de axuda humanitaria e bombardeo de posicións do EI no norte do país árabe.

Co aumento ata os 1.200 soldados, Estados Unidos marcará a súa maior presenza militar en Iraq desde a retirada de tropas a finais de 2011, que puxo fin a case nove anos de guerra no país. Estados Unidos intensificou a súa presenza en Iraq coa toma da presa de Mosul por parte das milicias yihadistas do EI.

Nun primeiro momento, o presidente Barack Obama ordenou o envío de asesores militares para axudar ás tropas iraquís, pero o papel estadounidense ampliouse con ataques aéreos contra posicións do EI. Estados Unidos tamén mantén sete navíos de guerra, entre eles o portaavións George W. Bush, en augas do Golfo Pérsico para responder a posibles continxencias dentro de Iraq, onde o EI fixo forza aproveitando as divisións sectarias entre sunnitas e chiítas.

Comentarios