Estados Unidos acusa a Irán dos "ataques" a buques no golfo de Omán

Os barcos saían do estreito de Ormuz, a unhas 30 millas da costa iraniana

O secretario de Estado de EE.UU., Mike Pompeo, acusou a Irán de estar detrás dos presuntos "ataques" perpetrados este xoves contra dous cargueiros en augas do golfo de Omán. "A valoración do Goberno de Estados Unidos é que a República Islámica de Irán é responsable dos ataques ocorridos no golfo de Omán", acusou Pompeo nunha breve comparecencia ante os medios de comunicación no Departamento de Estado.

O responsable da diplomacia de EE.UU. fixo estas acusacións horas despois de que dous barcos, un propiedade dun armador noruegués e outro xaponés, sufrisen este xoves impactos e explosións mentres saían do estreito de Ormuz, a unhas 30 millas da costa iraniana.

Pompeo xustificou a súa acusación nos "informes de intelixencia, as armas empregadas, o nivel de coñecemento necesario para executar a operación, os ataques similares contra buques perpetrados por Irán recentemente e o feito de que ningún grupo rebelde da zona ten os recursos para actuar con tal nivel de sofisticación".

O funcionario apuntou que estes son apenas os últimos exemplos de ataques executados polo Goberno iraniano e os seus seguidores contra os intereses de EE.UU. e os seus aliados, e a continuación enumerou todas as agresións sufridas por EE.UU. na rexión nos últimos meses das que fai directamente responsable a Irán.

Así mesmo, Pompeo recordou como Teherán ameazou con bloquear o estreito de Ormuz despois de que Washington endurecese o embargo contra o petróleo procedente de Irán e afirmou que con estes ataques Irán pretende "cumprir esta promesa". "Están considerados como un todo, estes ataques sen provocación previa representan unha clara ameaza para a paz e a seguridade, unha violación patente da liberdade de navegación e unha inaceptable campaña para escalar as tensións por parte de Irán", concluíu Pompeo.

O funcionario cualificou ademais de insulto o feito de que uns dos buques atacados sexa xaponés, un país que se ofreceu a mediar entre Estados Unidos e Irán, unha oferta que xa foi rexeitada por Teherán.

O incidente deste xoves prodúcese nun momento de crecente tensión entre ambos os países que levou á Casa Branca a esgrimir estes ataques como unha das causas que xustifican o aumento da presenza militar estadounidense na rexión e a venda de armamento a Arabia Saudita, unha transacción que non conta co respaldo do Congreso de EE.UU.

Comentarios