Erdogan acusa a Merkel de apoiar o terrorismo

O presidente turco carga contra "algúns países" da UE "que non poden aceptar o ascenso" do seu país despois de que Alemaña apoiase a decisión de Holanda de prohibir a intervención de ministros turcos en actos electorais
El presidente turco Recep Tayyip Erdogan
photo_camera El presidente turco Recep Tayyip Erdogan

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, acusou este luns á chanceler alemá, Angela Merkel, de estar "a apoiar o terrorismo", nun novo ataque dentro da crise diplomática aberta pola cancelación de actos electorais de ministros turcos en varios países europeos.

"Alemaña está a apoiar o terrorismo de forma aberta. Podes tomar partido por Holanda todo o que queiras. Señora Merkel, estás a apoiar ao terrorismo", dixo o político islamita en declaracións á emisora A Haber.

Merkel mostrou este luns o seu "total apoio e solidariedade" ao Goberno holandés no contencioso aberto con Turquía pola prohibición de que dous ministros turcos interviñesen o pasado sábado en actos electorais na cidade de Róterdan.

"Non quero pór a todos os países da Unión Europea (UE) no mesmo saco, pero algúns deles non poden aceptar o ascenso de Turquía", manifestou Erdogan, que xa nos últimos días acusou a Alemaña e Holanda de prácticas fascistas e nazis.

Erdogan insistiu na súa habitual acusación de que Alemaña dá acubillo a terroristas, en referencia á guerrilla kurda do Partido dos Traballadores do Kurdistán, ilegal en Alemaña, e á confraría do predicador Fethullah Gülen, ao que Ankara acusa do errado golpe de estado do pasado xullo.

O xefe do Estado turco asegurou este luns que entregou 4.500 expedientes a Alemaña sobre supostos terroristas vivindo en Alemaña e que o país europeo non fixo nada respecto diso.

Ademais, acusou os medios alemáns de facer campaña contra a reforma constitucional que se decidirá en referendo o próximo 16 de abril e que, de aprobarse, entregará o poder executivo ao presidente.

"Chamo oas meus cidadáns en Europa. Apoiade a aqueles que aman a Turquía", dixo Erdogan, pedindo o apoio á reforma dos cidadáns turcos residentes en países da Unión Europea.

Comentarios