Atopan novos obxectos na auga, pero segue sen acharse rastro do avión desaparecido

Cando hoxe se cumpre o vigesimosegundo día da desaparición do voo MH370 no Índico, os equipos de procura non atoparon aínda ningún rastro do avión, a pesar dos novos avistamentos de obxectos na auga.

"Non debemos subestimar a dificultade deste traballo. A operación desenvólvese nun lugar extraordinariamente remoto", afirmou hoxe o ministro de Defensa e interino de Transportes de Malaisia, Hishamudin Hushein.

Nunha comparecencia ante a prensa tras reunirse con familiares dos pasaxeiros do avión desaparecido, Hushein explicou a necesidade de que o grupo internacional de traballo "revise o que sucedeu polo interese da aviación, da seguridade e defensa de todos os países".

Reiterou que "nin Malaisia nin os 26 países implicados na operación, pararemos ata dar co avión".

Respecto ao avance das investigacións policiais, Hishamudin manifestou que polo que el sabe "non hai nada sospeitoso no simulador de voo do capitán do avión".

Nos últimos días, os avións e as imaxes de satélite localizaron obxectos nunha ampla área ao oeste e suroeste de Australia, pero aínda non conseguiron recuperar ningunha parte do voo de Malaysian Airlines supostamente sinistrado con 239 persoas a bordo.

Esta mañá a axencia oficial de noticias chinesa Xinhua confirmou o avistamento desde un avión chinés de 3 obxectos de cor laranxa, branco e vermello que poderían pertencer ao avión na nova área.

A véspera, Malaisia confirmou a modificación da zona inicial de procura tras novas análises dos satélites realizados polo grupo internacional de traballo, situando a nova área a 1.680 quilómetros da cidade australiana de Perth.

Os novos datos indicaban que o MH370 voara a maior velocidade do que se prevía, consumindo máis combustible e polo tanto non podía chegar ata o lugar onde se iniciaron as operacións.

A nova área cobre unha superficie aproximada de 123.000 quilómetros cadrados no océano Índico, con profundidades que van desde os 2.000 aos 4.000 metros.

Segundo o diario malasio The Malaysian Insider, esta nova localización da zona de traballo, sitúaa 700 quilómetros máis cerca do continente australiano, nunha área de mellor climatoloxía, co que se ampla o tempo efectivo real de voo que os avións poden destinar á localización de posibles restos.

As liñas de traballo da investigación, que nun principio non descartaban un acto de terrorismo, céntranse na posibilidade dun secuestro, sabotaxe ou o fallo técnico como posibilidades para explicar o sucedido.

Durante moitos días, o capitán do MH370 Zaharie Ahmad Shah, de 53 anos, e o seu copiloto Fariq Abdul Hamid, de 27, foron un elemento crave nas investigacións despois de que as autoridades malasias confirmasen que nunha "acción deliberada" desde a cabina de voo desconectáronse as comunicacións e posteriormente cambiouse a traxectoria programada do avión desaparecido.

A Axencia de Seguridade Marítima Australiana (AMSA, nas súas siglas en inglés), encargada da coordinación da operación de procura, informou de que oito avións e seis barcos son os efectivos que hoxe traballarán na zona.

Australia participa con 3 avións P3 Orion, Xapón con 1 P3 Orion e un avión gardacostas, Nova Zelandia con 1 P3 Orion e China con 1 Yliashyn IL-76.

Comentarios