En vigor desde este venres as novas sancións da UE a Rusia

As novas sancións económicas da Unión Europea (UE) contra Rusia pola súa implicación na crise de Ucraína entraron hoxe en vigor, coa súa publicación no Diario Oficial da UE.

As medidas, que por primeira vez afectarán o sector petroleiro, serán revisadas antes de finais de mes para decidir se é necesario anulalas ou modificalas en función da evolución do cesamento do fogo e o plan de paz.

As novas sancións son máis restritivas que as adoptadas o pasado xullo nos mercados de capital, defensa, produtos de uso dual e tecnoloxías sensibles. En particular, limitarán o financiamento a tres empresas petroleiras: Rosneft, Transneft e Gazprom Neft, e a tres sociedades do sector da defensa; United Aircraft Corporation, Oboronprom e Uralvagonzavod. De momento, o sector do gas quedou á marxe das sancións.

Á lista de empresas que non poden exportar bens de dobre uso civil e militar súmanse ademais agora nove sociedades mixtas do sector da Defensa. Tamén se amplían as restricións de viaxe e a conxelación de bens a outros 24 dirixentes e oligarcas rusos, crimeanos e da zona prorrusa de Donbass.

Con esta nova ampliación da lista de persoas sancionadas xa son 119 os individuos nos que a UE puxo no seu punto de mira. Entre os novos incluídos figuran os líderes separatistas prorrusos Alexander Zakharchenko, primeiro ministro da autoproclamada República Popular de Donetsk (RPD), e Gennadiy Tsypkalov, primeiro ministro da autoproclamada República popular de Lougansk.

Tamén aos chamados ministros de Defensa e de Seguridade do Estado da RPD, Vladímir Kónonov e Andrey Yurevich Pinchuk, respectivamente.

Os Vinte e oito acordaron hai unha semana ampliar a restrición de acceso a financiamento nos mercados de capitais dos grandes bancos estatais a consorcios rusos de defensa e enerxía controlados nun 51 % polo Estado ou cuxos ingresos proceden polo menos nun 50 % da venda de cru ou produtos petroleiros.

Tamén pactaron acurtar de 90 a 30 días o vencemento dos instrumentos financeiros que poderían comprar e vender para financiarse, e prohibir os préstamos sindicados para os bancos controlados polo Estado ruso, as empresas enerxéticas e de defensa.

A publicación e entrada en vigor das sancións estaba prevista para o pasado luns, pero un grupo de Estados membros (incluídos Finlandia, Suecia, Alemaña, Austria, Chipre e Eslovaquia, segundo fontes comunitarias) pediron uns días adicionais de prazo para avaliar a aplicación do cesamento do fogo e o plan de paz.

O presidente do Consello Europeo, Herman van Rompuy, precisou o xoves que as novas medidas entrarían en vigor este venres e que antes de final de mes levará a cabo un exame exhaustivo da aplicación do plan de paz.

Se esa revisión indica que son necesarias, as medidas poderán "modificarse, suspenderse ou derrogarse na súa totalidade ou en parte", explicou Van Rompuy.

Subliñou ademais que os Vinte e oito sempre insistiron na "reversibilidade e a escalabilidade" das medidas restritivas.

A revisión levaraa acabo o Comité de Representantes Permanentes (Coreper) ante a UE, sobre a base dunha avaliación realizada polo Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE).

Se os embaixadores consideran necesario modificar as sancións, será a Comisión Europea ou o SEAE quen promoverán as novas medidas, tras o cal a decisión corresponderá ao Consello (Estados membros).

Comentarios