Bombardean o principal hospital de Alepo

Os explosivos contiñan bombas de acio, prohibidas internacionalmente

O hospital M10, atacado este sábado na cidade siria de Alepo, foi golpeado con "bombas de acio" e quedou totalmente fose de servizo, segundo informou un portavoz da Sociedade Médica Siria Americana (SAMS).

A fonte, cuxa organización presta apoio a ese hospital, explicou a Efe que o centro foi bombardeado entre as 10.30 e 10.40 hora local (07.30-07.40 GMT) con dous barrís de explosivos, que contiñan "bombas de acio", prohibidas internacionalmente.

O portavoz agregou que os proxectís impactaron na entrada e na parte traseira do hospital: "Un deles caeu na zona que hai entre o edificio principal e a unidade de recuperación". Tras este ataque, os pacientes foron trasladados a outros hospitais do leste de Alepo, onde se sitúa o M10.

O portavoz destacou que, ao estar fóra de servizo o M10, só quedan cinco hospitais en funcionamento nos distritos asediados da localidade.

Anteriormente, o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos informara de que avións de combate non identificados tiveran como branco os arredores do M10, un dos máis grandes do leste de Alepo, o que causou un morto e danos materiais no centro.

É a segunda que vez que este hospital é bombardeado durante esta semana, despois de que o mércores pasado fose obxectivo de ataques aéreos que forzaron unha suspensión das súas actividades, aínda que as retomou ao día seguinte.

O pasado 22 de setembro, as forzas gobernamentais sirias, apoiadas pola aviación rusa, retomaron a súa ofensiva en Alepo nun intento de progresar fronte aos rebeldes, días despois do fin da tregua dunha semana en todo o país.

Comentarios