Guinea Conakry pide axuda á comunidade internacional

No medio da confusión e un intento golpista por parte do Exército de Guinea Conakry tras a morte do seu presidente Lansana Contei, o presidente da Asemblea Nacional do país, Aboubacar Sompare, fixo un chamamento de urxencia á comunidade internacional solicitando que non permita que triunfe o golpe de estado dos militares rebeldes.

"A comunidade internacional debe mobilizarse para evitar que os militares interrompan o proceso democrático que establece a Constitución", declarou Sompare, quen se atopa escondido porque o buscan os golpistas.

Eleccións en dous meses
A Carta Magna de Guinea Conakry establece que, en caso de falecemento do mandatario, será o presidente da Asemblea Nacional o que asuma este cargo ata a celebración de novas eleccións, nos seguintes dous meses.

Os militares estableceron o seu propio réxime ao que chamaron Consello Nacional para a Democracia e Desenvolvemento (CNDD), suspendendo desde ese momento a Constitución e o Goberno e impedindo a Sompare tomar posesión do seu cargo.

Este mesmo consello nacional prometeu a celebración de eleccións "libres, cribles e transparentes a finais de decembro de 2010".

Os golpistas din que non queren o poder
O grupo de golpistas, formado por un groso de 26 militares, escúdase na mala situación do país e denuncia a corrupción do actual Goberno para xustificar a súa acción. Segundo un comunicado, este consello "non ten ningunha ambición de eternizarse no poder" e comprométese a respectar "solemnemente" a súa promesa de celebrar eleccións no prazo sinalado.

A situación de incerteza que vive o país indica, segundo os analistas, que é a antesala de guerra civil nun país fracturado polas disputas étnicas. O defunto presidente reforzou o seu poder grazas á axuda militar, nun mandato de man de ferro desde 1984.

Guinea é ademais un dos países máis pobres de Africa, a pesar de ter unha terceira parte das reservas do mundo de bauxita (materia prima do aluminio).

Comentarios