O xuízo contra Pistorius celebrarase do 3 ao 20 de marzo de 2014

O xuízo contra o atleta surafricano Óscar Pistorius por matar o pasado febreiro a súa parella, a modelo Reeva Steenkamp, celebrarase do 3 ao 20 de marzo de 2014, confirmou hoxe o Tribunal da Magistratura de Pretoria.

A decisión anunciouse durante unha vista previa ao xuízo, á que asistiu o propio Pistorius no medio dunha gran expectación mediática.

O escrito da Fiscalía presentado no tribunal acusa a Pistorius dos delitos de asasinato e violación da lei surafricana de control de armas.

Ao comezo da sesión, que durou ao redor de quince minutos, o maxistrado Desmond Nair preguntou ao acusado se se atopaba ben. "Si, dadas as circunstancias", respondeu Pistorius, acompañado na sala por varios familiares.

O fiscal, Gerrie Nel, anunciou a continuación a data acordada polas partes para a celebración do xuízo, do 3 ao 20 de marzo próximo, que foi corroborada polo avogado defensor do velocista, Barry Roux, e o xuíz. "O caso chegou ao momento no que debe ser transferido ao Tribunal Superior (de Pretoria) para o xuízo", comunicou o xuíz ao acusado.

A alegación do fiscal, de oito páxinas, contén unha lista de 107 testemuñas que serán chamados a declarar durante o xuízo.

O maxistrado mantivo as condicións da liberdade provisional de Pistorius, concedida o pasado 22 de febreiro a cambio do pago dunha fianza dun millón de rands (uns 78.000 euros).

O corredor, quen foi recibido por un numeroso grupo de xornalistas á entrada da sede xudicial, estivo arroupado durante a vista polos seus irmáns Carl e Aimee.

PROTESTA
Fóra do tribunal, un activista en defensa dos dereitos dos presos, Miles Bhudu, estaba encadeado e vestido cun uniforme laranxa de presidiario, para protestar polos medios que o atleta terá ao seu alcance para defenderse.

O atleta, de 26 anos, está acusado o asasinato da súa parella, a modelo Reeva Steenkamp, de 29 anos, cuxo corpo foi atopado sen vida con varios disparos a madrugada do 14 de febreiro na casa do corredor en Pretoria.

Pistorius confesou que disparou á súa noiva, que debería cumprir hoxe 30 anos, pero argüe que actuou así porque creu que un intruso entrara no seu domicilio.

Comentarios