O FBI detén á muller do autor da matanza na discoteca de Orlando

Os investigadores sospeitan que Noor Mateen puido estar implicada no tiroteo e que incluso acompañou ao seu marido a unha tenda de armamento

Noor Mateen, a esposa de Omar Seddique Mateen, o autor da masacre que acabou coa vida de 49 persoas en xuño de 2016 nunha discoteca de ambiente gai de Orlando, Florida (EE UU), foi detida este luns en San Francisco pola súa implicación no tiroteo.

A muller foi arrestada por axentes da Oficina Federal de Investigacións (FBI) de Estados Unidos por colaboración, complicidade e obstrución á Xustiza na peor matanza por arma de fogo que sufriu o país.

O xefe da Policía de Orlando, John Mina, sinalou que os cargos son "axuda e colaboración ao proporcionar apoio material a unha organización terrorista e obstrución da Xustiza".

Noor mudouse a San Francisco despois de que o seu esposo entrase na madrugada do 12 de xuño de 2016 fortemente armado na discoteca Pulse, onde se celebraba a Noite Latina, e matase a 49 persoas antes de ser abatido polas forzas especiais da Policía de Orlando.

Os investigadores sospeitan desde hai tempo que Noor puido estar implicada na matanza e que incluso acompañou ao seu esposo, un estadounidense de orixe afgá, a unha tenda de armamento antes do tiroteo. Tras a matanza, a Fiscalía federal decidiu non axuizar a ningunha persoa relacionada con Omar ao considerar que sería "erróneo" e "inxusto", pero o FBI non deixou de investigar a participación de Noor nos feitos.

Nunha entrevista publicada en novembro pasado por The New York Times, a muller dixo que "non sabía nada" do que tiña planeado o seu esposo. "Non aprobo o que fixo. Sinto moito o que pasou. Feriu a moita xente", asegurou a muller, nacida en California.

Pouco antes de morrer polos disparos das forzas da orde, nas conversacións que mantivo co teléfono de urxencia 911 Mateen xurou lealdade a Abu Bakr a-Baghadadi, o líder do grupo terrorista Estado Islámico, e pediu que EE UU deixase de bombardear Siria. Con todo, o FBI considera que a matanza de Pulse débese tanto a un atentado terrorista como un crime de odio contra os homosexuais.

Comentarios