lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

EE UU alerta do risco de ataques terroristas en Europa durante o verán

O Gobieno estadounidense avisa do perigo de "grandes eventos" como a Eurocopa de Francia, o Tour ou a Xornada Mundial da Mocidade, en Polonia

O Goberno de EE UU emitiu este martes unha alerta de viaxe para os seus cidadáns na que advirte do risco de ataques terroristas en Europa durante o verán, particularmente ao redor de "grandes eventos" como a Eurocopa, que se disputará en Francia, ou o Día Mundial da Mocidade que acollerá Polonia. A alerta, emitida polo Departamento de Estado, tamén menciona como posible obxectivo terrorista a popular carreira ciclista do Tour de Francia, que se celebrará do 2 ao 24 de xullo.

"O gran número de turistas que visitan Europa nos meses de verán presenta obxectivos maiores para ataques terroristas en lugares públicos, especialmente en grandes eventos", detalla a alerta, que estará vixente ata o 31 de agosto.

Preguntado pola nova alarma sobre Europa, o portavoz do Departamento de Estado, John Kirby, aclarou este martes que non se trata de "unha ameaza específica" da que Estados Unidos teña constancia, e subliñou que o tipo de acontecementos que terán lugar en Europa este verán xa foi obxectivo terrorista noutras ocasións. Na súa rolda de prensa diaria, Kirby subliñou tamén que se trata de "unha renovación" da alerta xa existente sobre o Vello Continente.

Ademais dos "grandes eventos", a alerta tamén fai referencia ao risco de ataques terroristas en sitios turísticos, restaurantes, centros comerciais e medios de transporte.

O Departamento de Estado recorda que Francia será sede da Eurocopa, o campionato de fútbol de seleccións nacionais europeas, do 10 de xuño ao 10 de xullo. Nese contexto, os estadios onde se disputará a Eurocopa, as áreas de encontro de afeccionados e os lugares que retransmitan os partidos en Francia e en toda Europa "representan obxectivos potenciais para os terroristas".

A alerta menciona, así mesmo, a celebración da Xornada Mundial da Mocidade (JMJ) do 26 ao 31 de xullo en Cracovia (Polonia), á que se espera que acudan ata 2,5 millóns de persoas.

O Departamento de Estado recomenda, xa que logo, aos estadounidenses que planeen viaxar a Europa este verán que permanezan "vixiantes" en lugares públicos e en medios de transporte masivo. Ademais, aconséllalles evitar "lugares moi concorridos", seguir as instrucións das autoridades locais, especialmente en situacións de urxencia, e estar preparados para controis de seguridade adicionais.

"As autoridades europeas continúan adoptando medidas para garantir a seguridade pública e desmantelar complots terroristas", asegura o Departamento de Estado. EE UU, pola súa banda, seguirá "compartindo información" cos seus socios europeos para axudar a "identificar e contrarrestar as ameazas terroristas".

EE UU alerta do risco de ataques terroristas en Europa durante o verán
comentarios