Detidas preto de 100 persoas nunha operación simultánea en España e Italia contra a Camorra napolitana

A Garda Civil e a arma de Carabinieri están a levar a cabo en España e Italia unha operación simultánea contra a Camorra napolitana na que foron detidas preto de cen persoas, trinta delas en España.

Segundo informaron a Efe fontes da investigación, os arrestados están relacionados co denominado clan Polverino e supostamente implicados en tráfico de haxix e branqueo de capitais.

En España, a operación, que segue aberta e da que se fai cargo a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil, está a desenvolverse en nove provincias, entre elas Málaga, Cádiz, Alacante, Castelló, Valencia e Tarragona, onde se efectuaron cando menos 27 rexistros.

As investigacións comezaron en 2009 nunha operación contra ese clan, dirixido por Giuseppe Polverino, que controla o tráfico de haxix no sur de Italia, con influencia nas localidades de Marano, Vomero e Camaldoli, e desde o que se construíu un imperio económico de millóns de euros.

O capo, un dos trinta mafiosos máis buscados de Italia, foi detido en marzo de 2012 en Jerez de la Frontera, Cádiz, dous anos despois de que fose arrestado en Málaga o seu lugartenente, Fabio Allegro, encargado de dirixir o tráfico de haxix, procedente de Marrocos, desde España a Italia.

Comentarios