Desarticulado o grupo que coordinou desde fóra do cárcere a fuxida de 'El Chapo' Guzmán

Entre os seis detidos atópase o cuñado do narcotraficante, fuxido da prisión o pasado 11 de xullo
El Chapo Guzmán, jefe del cartel de Sinaloa
photo_camera El Chapo Guzmán, jefe del cartel de Sinaloa

A fiscal mexicana, Arely Gómez, asegurou este xoves que o grupo responsable de coordinar a fuga do narcotraficante Joaquín 'El Chapo' Guzmán Loera dun cárcere de máxima seguridade quedou desarticulado, tras varias detencións recentes.

Nunha mensaxe aos medios de comunicación, a funcionaria explicou que foron detidos todos os membros do grupo responsable "que desde o exterior planeou, organizou e materializou a evasión", ocorrida o pasado 11 de xullo.

Gómez deu detalles sobre a fuga e confirmou que o narcotraficante escapou por un túnel que comunicaba a súa cela no centro de reclusión Altiplano, no central Estado de México, cun edificio no exterior e tras isto trasladouse ao municipio de San Juan del Río, estado de Querétaro, por terra.

Alí estábano esperando dúas avionetas que o trasladaron por aire ata o seu agocho, que non foi precisado pola fiscal, aínda que segundo informacións coñecidas os últimos días o narcotraficante fuxiu ao seu estado natal, Sinaloa.

Precisamente dous dos detidos son os encargados de pilotar as avionetas, un deles "un dos pilotos históricos da organización criminal que encabeza Guzmán Loera", o cártel de Sinaloa ou do Pacífico.

Gómez engadiu que os dous pilotos son ademais responsables, segundo información proporcionada por diversas instancias de intelixencia, da trasfega de droga vía aérea para esa organización.

Ata o momento, dixo a fiscal, hai 34 persoas consignadas (acusadas e postas a disposición dun xuíz), entre funcionarios públicos que foron presuntos cómplices na fuga desde dentro do penal e presuntos membros da organización criminal que axudaron a El Chapo a escapar.

Entre os participantes na evasión que xa se atopan a disposición dun xuíz destaca o principal operador e organizador da evasión, o seu avogado, quen foi o enlace cos responsables da construción do túnel.

"Constantemente ingresaba no penal para recibir instrucións e informar dos avances da fuga, así como contactar e transmitir ordes a todos os participantes", apuntou.

Outro dos detidos é a persoa encargada da coordinación das negociacións para a compra do predio desde onde se construíu o túnel ata o penal, quen é amigo de Guzmán e coincidiu con el en prisión na década dos noventa.

Tamén está detido o responsable de organizar e dirixir a construción do túnel, quen "por información de servizos de intelixencia é recoñecido como o coordinador da construción doutros túneles na fronteira con Estados Unidos".

E o cuñado do narcotraficante, cuxa participación consistiu na supervisión da construción do túnel e ademais "foi o responsable de coordinar a saída e traslado do evadido ata un dos sitios onde se refuxiou".

Gómez asegurou que esta fuga non é consecuencia de "unha suma de casualidades", senón dunha operación perfectamente orquestrada.

A fiscal asegurou que hai "avances significativos" na investigación e que se están explorando "novas liñas" que "serán esgotadas ata as súas últimas consecuencias".

"Ninguén está por encima da lei", dixo a fiscal, quen acabou a súa comparecencia ante a prensa sentenciando que aínda que Guzmán logrou escapar de prisión, "nin el nin quen o axudaron escaparán da xustiza".

Gómez explicou algunhas das dilixencias que se practicaron nestes tres meses e medio, entre elas a toma de 273 declaracións e 74 inspeccións, que permitiron a detención de 34 persoas e o comiso de armas, droga, edificios e medios de transporte da organización criminal.

Comentarios