Desactivan unha bomba na casa de San Petersburgo onde vivían os cómplices do terrorista suicida

Akbarzhon Dzhalílov é o presunto autor do atentado no que este luns morreron 14 persoas

A policía rusa desactivou este xoves un artefacto explosivo nun apartamento de San Petersburgo onde vivían os presuntos cómplices do terrorista suicida que o pasado luns matou cunha bomba a catorce persoas no metro desa cidade.

"O artefacto foi desactivado e os malfeitores detidos", dixo aos xornalistas o xefe do distrito onde se atopa o apartamento.


O Comité de Instrución (CI) de Rusia, a autoridade que investiga o atentado, informou este xoves da detención de varias persoas que tiveron contactos con Akbarzhon Dzhalílov, o presunto autor do atentado, oriúndo da república centroasiática de Kirguizistán pero nacionalizado ruso.

"Identificouse a varios cidadáns de repúblicas centroasiáticas que tiñan contactos con Dhalílov. No rexistro do apartamento no que vivían foron achados obxectos relevantes para a investigación", explicou a portavoz do CI, Svetlana Petrenko.

Unha fonte policial precisou a Interfax que os detidos son tres e que a bomba que se atopou na súa vivenda é similar á usada no atentado do pasado luns.

Ao mesmo tempo, a policía pechou este xoves unha estación de metro de San Petersburgo tras requisar a un home unha vella granada que levaba nunha bolsa.

A inspección por raios X das pertenzas dun pasaxeiro que pretendía acceder á estación revelou un obxecto que parecía unha granada.

Os artificieiros que chegaron ao lugar "comprobaron que efectivamente se trataba dunha granada RG-42 da Segunda Guerra Mundial, que non levaba trilita", polo que non representaba un perigo real, informou un portavoz da policía.

A operación despregada tras o atentado do luns saldouse ata o momento coa detención de once persoas. Este mércores foron detidas oito como sospeitosos de recrutar a combatentes e terroristas para o Estado Islámico e outras organizacións terroristas.

Con todo, os investigadores non precisaron se eses detidos teñen algunha relación co atentado perpetrado por Dzhalílov.

A eles súmanse os tres detidos este xoves como presuntos cómplices do terrorista suicida.

O mozo terrorista, de 22 anos, recibiu en 2011 a cidadanía rusa e residía desde entón na antiga capital zarista, onde traballaba como mecánico.

Ao parecer, foi el quen fixo estalar unha bomba que levaba adherida ao corpo nun vagón do metro cando circulaba entre dúas estacións.

E crese que foi tamén el quen colocou un segundo artefacto explosivo noutra estación do metro, "Ploschad Vosstania", que foi desactivada a tempo pola policía. 

Comentarios