Catro mortos e 16 feridos de gravidade tras un tiroteo nunha base estadounidense

Polo menos catro persoas morreron este mércores, entre elas o presunto atacante, e outras 16 foron feridas de gravidade nun tiroteo na base militar de Fort Hood (Texas), unha das maiores de Estados Unidos e que en 2009 xa viviu unha masacre similar con 13 mortos e unha trintena de feridos.

O autor do tiroteo, que acabou suicidándose, era un soldado que en 2011 servira catro meses na guerra de Iraq e que se medicaba por depresión, ansiedade e outros trastornos psiquiátricos probablemente vinculados á súa experiencia bélica, dixo en rolda de prensa o tenente xeral da base texana Mark Milley.

As autoridades militares da base non viron indicios de terrorismo no suceso, pero non descartan ningunha hipótese nin determinaron por agora ningún motivo claro que explique o sucedido.

Todas as vítimas eran militares e, á primeira hora de hoxe, todos os feridos hospitalizados tiñan un diagnóstico grave. Tres deles atópanse en estado crítico, informaron os médicos do centro Scott & White.

Segundo Milley, os médicos estaban en proceso de diagnosticar ao atacante un trastorno por tensión postraumática, unha doenza que afectou a máis de 250.000 estadounidenses á súa volta das guerras de Iraq e Afganistán.

A identidade do soldado, que comprou a arma recentemente na zona, onde vivía coa súa muller e "a súa familia", non será revelada oficialmente ata que as autoridades comuniquen os feitos aos seus achegados.

No entanto, varios medios estadounidenses identificaron ao autor da masacre como Iván López, un soldado de 34 anos, citando fontes anónimas do Departamento de Xustiza.

O atacante entrou nun edificio da base e abriu fogo, tras o cal regresou ao seu vehículo, fixo máis disparos desde o coche e despois volveu disparar contra outro inmoble do recinto.

Acto seguido, acabou por disparase a si mesmo ao atopase ante axentes da policía militar, relatou Milley.

A arma usada foi unha pistola de man semiautomática do calibre 45 que non estaba rexistrada, como esixe a base militar, precisou o tenente xeral.

O autor dos feitos chegou a Fort Hood en febreiro pasado, procedente doutra instalación militar estadounidense, polo que as autoridades de Texas sabían pouco sobre el.

Milley indicou que hai "algunhas informacións iniciais" que apuntan a unha discusión previa ao tiroteo, na que o autor estaría involucrado, pero que non se poderá confirmar ata que as investigacións avancen.

Todo empezou a media tarde hora local, cando, ante os primeiros disparos, as autoridades do recinto mobilizaron aos seus traballadores, pedíronlles que se refuxiasen e bloquearon o perímetro da base, que quedou illada durante unhas seis horas.

Os familiares dos militares concentráronse nunha das entradas á espera de noticias, co recordo aínda latente do tiroteo que en 2009 causou 13 mortos e máis de 30 feridos, perpetrado por un psicólogo militar musulmán.

Esa traxedia, recente na mente dos 53.400 habitantes desta base, marcou tamén as reaccións políticas tras o suceso.

"Calquera tiroteo é preocupante. Obviamente este reabriu o medo polo que ocorreu en Fort Hood hai cinco anos", declarou o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, desde Chicago.

"Estamos devastados de que algo así ocorra de novo", dixo Obama, que máis tarde mantivo contactos telefónicos a bordo do avión presidencial de volta a Washington DC con membros dos corpos de seguridade, o Departamento de Defensa e a FBI.

Comentarios