Un colexio matricula a catro ovellas para evitar o peche dunha clase

Os pais e nais dunha escola de Francia optaron por esa solución para chegar á cota de alumnado esixido
Ovejas. PIXABAY
photo_camera Ovellas. PIXABAY

Matricular ovellas coma se fosen unhas estudantes máis. É a imaxinativa e curiosa solución que atoparon os pais e as nais dun colexio para cumprir coa cota mínima de alumnado esixido e evitar o peche dunha das súas cinco aulas. A historia sucedeu hai uns días nun pobo da rexión de Lorena (Francia) e evidencia os problemas de natalidade e despoboamento que sofren moitas rexións, tamén no país galo.

É unha problemática que se dá en moitos lugares, xa que os colexios ven obrigados a alcanzar un número determinado de alumnado para evitar que se supriman aulas ou incluso unha escola enteira. E nun centro que dá servizo ás localidades de Nitting, Voyer e Hermelange optaron por matricular a catro ovellas para chegar aos 98 escolares esixidos polo Ministerio de Educación francés.

John Deere, Valériane Deschamps, Phil Tondus e Marguerite Duprès son os nomes elixidos para matricular ás catro ovellas, criadas por un dos pais do colexio. Con esa fórmula pretenden burlar a normativa: "Se contan aos nenos coma se fosen ovellas, decidimos ir ata o extremo do absurdo", aduce unha das nais e vicepresidenta da Ampa.

Os escolares brindaron un recibimento ao grande ás súas novas compañeiras, que xa foron trasladadas a unha zona anexa ao colexio.