Seis mortos nun tiroteo en Orlando

Un home entrou no seu último centro de traballo cun fusil e unha navalla logo de ser despedido

Seis persoas morreron este luns nun tiroteo nunha empresa de Orlando (centro de Florida, EE UU), incluído o home que entrou e disparou ás persoas que estaban nese lugar, informou este luns o alguacil do condado de Orange, Jerry Demings.

Nunha conferencia de prensa preto da nave industrial onde se produciu o tiroteo, Demings indicou que sete persoas que estaban no mesmo edificio sobreviviron ao ataque.

O autor dos disparos, un antigo empregado da empresa, que foi despedido o pasado abril, quitouse a vida e segundo o alguacil non hai indicio algún de que pertencese a algunha organización terrorista.

Demings indicou que se trata de "un incidente nun centro de traballo".

Unha das persoas ás que disparou foi achada aínda con vida e levada por vía aérea a un hospital pero morreu pouco tempo despois.

De acordo co alguacil, só unha das vítimas era unha muller.

A policía acudiu ao lugar dos feitos tras recibir unha chamada de urxencia na que se avisaba dun tiroteo na zona.

Cando chegaron atoparon a varias persoas con impactos de bala, a maioría xa falecidas.

Xunto ao atacante estaba a arma de lume coa que disparou aos outros e logo a si mesmo e unha navalla que non consta que use contra as súas vítimas, dixo o alguacil.

Antes da rolda de prensa de Demings deuse a coñecer que unha empregada da empresa que se encerrou nun baño cando o tiroteo estalou, chamou á súa irmá e díxolle: "o meu xefe está morto".

A cidade de Orlando prepárase para recordar o vindeiro luns ás 49 persoas que morreron o 12 de xuño de 2016 na discoteca gai Pulse a mans Omar Mateen, un garda de seguridade de orixe afgá que dixo ser seguidor do Estado Islámico, na maior matanza por arma de fogo na historia recente de EE UU.

Comentarios