California prohibe aos agresores sexuais dar caramelos en Halloween

As autoridades do condado de Riverside, en California (EE.UU.), aprobaron hoxe prohibir que as persoas con antecedentes por agresión sexual repartan caramelos aos nenos ou poñan adornos nas súas casas durante a festa de Halloween.

Segundo unha ordenanza emitida polas autoridades de Riverside e que entrou en vigor de xeito inmediato, esas persoas non poderán abrir a porta aos nenos que se disfrazan en Halloween e van polas casas pedindo caramelos.

Tampouco se lles permitirá colocar decoracións alusivas a Halloween nas súas casas durante o día 31 de outubro, que é cando se celebra en EE.UU. esa tradicional festa.

Ademais, prohíbeselles acender luces decorativas na noite de Halloween.

"Se esas persoas non poden decorar as súas casas, se non poden acender as súas luces, entón os nenos non van parar alí", argumentou Cynthia Ferry, unha residente de Riverside, á prensa local.

Nese condado están rexistrados uns 3.500 delincuentes sexuais, segundo a controvertida Lei Megan de California, que obriga aos condenados por delitos sexuais a comunicar en todo momento o seu lugar de residencia, independentemente do tempo que pase e de se cumpriron xa a súa pena.

Comentarios