Outro barco humanitario reta a Salvini para levar a terra a 41 inmigrantes

O barco Alex da ONG italiana Mediterranea atracou este sábado en Lampedusa desobedecendo o ministro do Interior

Barco Alex en Lampedusa. ELIO DESIDERIO, EFE
photo_camera Barco Alex en Lampedusa. ELIO DESIDERIO, EFE

O barco Alex da ONG italiana Mediterranea chegou este sábado ao porto de Lampedusa con 41 inmigrantes, desobedecendo así a prohibición do ministro do Interior, Matteo Salvini, quen avanzou que non permitirá o desembarco dos rescatados.

O barco, un veleiro de 20 metros de eslora, accedeu a augas territoriais italianas sen permiso e atracou na illa, con todos os inmigrantes amontoados na súa cuberta, protexéndose do sol con mantas térmicas, segundo puido verse nunha retransmisión da ONG.

No peirao esperaban axentes de policía e voluntarios da Cruz Vermella e outros organismos humanitarios, ademais dalgunhas persoas que recibiron á embarcación entre aplausos.

Con todo Salvini avanzou que polo momento non permitirá que os inmigrantes baixen do barco e poñan un pé en Italia: "Non autorizo ningún desembarco", afirmou.

Mentres, os inmigrantes rescatados permanecen sentadas na cuberta do veleiro, xunto ao peirao, sen poder baixar, tras varios días en alta mar, ante a mirada dos axentes italianos.

"Os náufragos e a tripulación están esgotados. As 41 persoas salvadas necesitan ser atendidas e curadas. Estamos a vivir unha situación surrealista e é unha crueldade inútil prolongar esta espera. Deixe que baixen inmediatamente", chiou a ONG, pois algúns dos salvados presentan síntomas de enfermidades como a sarna.

O ultradereitista Salvini mantén unha política de portos pechados ás ONGs, ás que acusa de fomentar a inmigración irregular, e impulsou un decreto que establece multas de ata 50.000 euros a quen quebranten esa disposición.

Con todo, o armador do barco, Alessandro Metz, explicou en Twitter que está disposto a asumir todas as responsabilidades.

Comentarios