As autoridades panameñas atopan sete cadáveres nunha zona na que opera unha seita

As vítimas son unha muller e seis menores, aínda que non se confirmou se pertencen á mesma familia
Operativo en Panamá. TWITTER
photo_camera Operativo en Panamá. TWITTER

As autoridades de Panamá acharon este mércores sete cadáveres nunha fosa situada nun lugar remoto da comarca Ngäbe Buglé, onde se denunciou a presenza dunha suposta seita que secuestrou a un grupo de indíxenas e someteunos a ritos exorcistas.

O director xeral interino da Policía Nacional, Alexis Muñoz, confirmou a existencia da fosa e precisou que o Ministerio Público está a cargo das investigacións no lugar, desde onde a cadea TVN informou de que foron atopados os corpos sen vida.

De acordo coa información da cadea televisiva, que transmitiu imaxes dos fiscais e a policía na selva, as vítimas son unha muller de 33 anos identificada como Bellin Flores e seis menores, un de de 17 anos, outro de 10, dous nenos de 9 anos, un de 3 e un bebé dun ano.

Todos foron identificados polos seus familiares, de acordo coa información dos medios de prensa, que deron conta de que os corpos se atopan en estado descomposición e que a fosa está nun lugar moi apartado, de moi difícil acceso e no medio dunha selva húmida.

Non se informou oficialmente de cando se rexistraron as mortes nin as causas, nin tampouco se as vítimas son membros da unha mesma familia.

As autoridades foron guiadas ata o lugar onde se atopa a fosa por habitantes da aldea Alto Terrón, quen denunciaron que os supostos victimarios serían uns pastores da seita A Nova Luz de Deus.

Este mércores o Ministerio de Seguridade Pública informou de que 10 supostos pastores desa seita foron detidos por forzas especiais da Policía Nacional, e que se rescatou a 15 persoas, delas polo menos 7 nenos, que permanecían "privadas de liberdade" por estes no Alto Terrón.

Os rescatados foron levados a centros de saúde para ser atendidos polos golpes e feridas que presentaban, dixo o Ministerio de Seguridade sen máis detalles. Medios locais precisaron que as persoas rescatadas foron achadas amarradas polas autoridades, que se trasladaron o martes á comarca para atender as denuncias dos poboadores.

As mesmas fontes informaron de que os presuntos pastores son indíxenas da mesma comarca Ngäbe Buglé, aínda que non está claro cando nin onde xurdiu a seita A Nova Luz de Deus.

Os medios informaron nas últimas horas de que un home denunciou que a súa esposa e catro fillos estaban retidos por persoas que se identificaron como pastores da seita, e que un menor que estaba entre os supostos secuestrados escapou e mostrou aos seus veciños as feridas que lle causaron nas costas durante un presunto ritual.

A estes pastores responsabilízase tamén de causar queimaduras a tres persoas o pasado fin de semana na mesma comarca durante un presunto exorcismo.

O cacique Evangelisto Santos dixo aos medios locais que testemuñas lle contaron que os supostos pastores empezaron a predicar a semana pasada, e que o domingo realizaron un ritual a unha familia "para sacarlles a Satanás para que puidesen ir ao ceo", o que resultou nas tres persoas con queimaduras e golpes.

O comandante da Policía Nacional Luís Veiga dixo este mércores aos xornalistas que tanto as forzas especiais como membros da Dirección de Intelixencia Xudicial (DIJ), de Criminalistica e do Ministerio Público permanecen na comarca para avanzar nas investigacións do caso.

"A policía Nacional ten control da situación", dixo o xefe policial, que matizou que no lugar "manéxanse moitas versións" sobre o ocorrido, unha das cales indica que chegaron a ser máis de 30 as persoas retidas polos supostos pastores.

Comentarios