Australia ordena novas evacuacións polos incendios, que xa causaron 17 mortos

A Armada trata de rescatar unhas 4.000 persoas atrapadas polos lumes no sur do país

As autoridades de Australia confirmaron este xoves a morte doutra persoa por mor dos incendios que afectan o sueste do país, o que eleva a dezasete o saldo de vítimas mortais dos últimos meses. Miles de persoas prepáranse para evacuar as zonas afectadas polo lume.

"Entristéceme ter que informar de que hai polo menos dezasete persoas que non sabemos onde están", dixo á prensa o xefe de goberno do estado Victoria, Daniel Andrews, tras confirmar a primeira morte que se rexistra nesa xurisdición. A estes engádese outro desaparecido no veciño estado Nova Gales do Sur, o máis afectado pola onda de incendios, onde morreron quince persoas, sete desde o luns, e ordenouse a evacuación de diversas zonas do litoral antes de que se agraven as condicións o vindeiro sábado.

"A prioridade hoxe é combater o lume e evacuar, poñer a xente a salvo. O que é absolutamente importante é que continuemos mantendo o foco nestas tarefas tan importantes", dixo o primeiro ministro australiano, Scott Morrison, en rolda de prensa.

Os bombeiros pediron aos turistas que saian antes de que sexa demasiado tarde da costa sur de Nova Gales do Sur, ante a previsión de condicións "perigosas" para o sábado con temperaturas de máis de 40 graos centígrados e fortes ventos. Imaxes nas redes sociais mostraban longas colas de automóbiles nas estradas desta zona, aproveitando que se reabriron varios tramos e a pesar da pouca visibilidade nalgunhas partes a consecuencia do fume.

As autoridades piden aos turistas que saian da costa sur de Nova Gales do Sur

As autoridades deste estado, onde se queimaron 3,6 millóns de hectáreas, o 70 por cento da área calcinada en todo o país, tamén ordenaron a evacuación do parque nacional de Kosciuszko debido á proximidade doutro foco que arrasou 130.000 hectáreas.

En Vitoria as forzas armadas despregáronse para evacuar por aire e por mar unhas 4.000 persoas cercadas en Mallacoota, unha popular zona turística do sueste do país. A ministra de Defensa de Australia, Linda Reynolds, indicou que persoal da mariña fai chegar axuda a comunidades illadas preto de Mallacoota e transporta a bombeiros e a feridos, nunha mensaxe en Twitter acompañada dunha imaxe de persoal médico xunto a un helicóptero na cuberta do buque Choules.

As autoridades de Vitoria indicaron que este xoves prevén realizar evacuacións por aire, obstaculizadas ata o momento por culpa do fume, e o venres por vía marítima.

Comentarios