Australia detecta dous sinais ''prometedores'' do avión malasio

O barco australiano Ocean Shield detectou dous sinais "prometedores" na zona do Océano Índico onde se centra a procura do avión de Malaysia Airlines desaparecido hai un mes con 239 persoas a bordo, informaron hoxe fontes oficiais.

O xefe do Centro de Coordinación de Axencias Conxuntas, Angus Houston, dixo que os dous sinais son "consistentes" coas que emiten os dispositivos de rexistro de voo e das conversacións da cabina das caixas negras. "Esta é a pista máis prometedora nesta procura e ata o momento a mellor información da que dispomos", dixo Houston que insistiu en que estas pistas aínda non son concluíntes. "Aínda non atopamos o avión, necesitamos confirmar esta información", aclarou nunha rolda de prensa desde Perth o xefe do operativo coordinado por Australia.

O Ocean Shield, que transporta un sofisticado localizador de caixas negras prestado por Estados Unidos e unha pequena nave submarina autónoma, detectou estes sinais en dous eventos separados no sector norte da zona de procura.

O primeiro sinal captado durou dúas horas e vinte minutos ata que se perdeu o contacto.

Horas máis tarde, despois de que o barco virase para recuperar ese sinal, rexistrouse unha segunda emisión duns 13 minutos na que se obtivo "un retorno" do pulso.

Houston dixo que o Ocean Shield intenta captar novos sinais para "fixar a localización" antes de activar un vehículo submarino autónomo para que confirme a presenza do avión nesta zona duns 4.500 metros de profundidade.

"Esta profundidade coincide co límite (de actuación) do vehículo submarino. Debo advertir que podería levarnos algúns días determinar se hai algunha relación co MH370", dixo o militar retirado australiano.

Os equipos de rescate continúan a procura do avión perdido noutra zona onde o barco chinés Haixun 01 detectou sinais acústicos parecidas ás dunha caixa negra.

O barco británico Boto de investigación oceanográfica diríxese a esta zona nunha loita contrarreloxo debido a que as baterías das caixas negras do avión, de entre 30 e 45 días de duración, están a piques de esgotarse.

O barco chinés detectou dous sinais, unha o venres duns instantes de duración e outra o sábado de 90 segundos, cuxa frecuencia, de 37,5 kilohercios por segundo, coincide coa que emiten as caixas negras dos avións.

Houston precisou que os puntos onde se atopan o Haixun 01 e o Ocean Shield, separados uns 550 quilómetros, coinciden co extremos sur e norte, respectivamente, da zona delimitada pola investigación.

Esta zona atópase ao longo dunha traxectoria hipotética do avión calculada a partir de datos procedentes de satélites e simuladores de voo, mentres que ambos os extremos corresponden a distintas velocidades nas que puido viaxar o avión.

Doce avións, nove deles militares e tres civís, e catorce embarcacións participan hoxe no operativo que se realizará nunha xornada con choivas illadas que non bloquearán a visibilidade, indicou o Centro de Coordinación de Axencias Conxuntas.

Comentarios