Ascenden a catorce os falecidos por Irene

O paso do furacán Irene, convertido xa nunha tormenta tropical ao atravesar Nova York, cobrou xa catorce mortos e deixou a millóns de persoas sen electricidade en Estados Unidos.

Unha persoa morreu no estado de Connecticut ao declararse un incendio na súa vivenda, causado ao parecer pola caída das liñas de tendido eléctrico, segundo o gobernador do estado, Dannel Malloy. En Nova Jersey, unha muller morreu ao quedar atrapada no seu vehículo nunha inundación, mentres que no estado de Maryland outra muller faleceu ao caer unha árbore sobre a súa vivenda.

Dúas persoas faleceron na costa de Florida arrastradas polas correntes e en Virginia, un dos primeiros estados en sufrir os efectos do furacán morreron catro persoas, alcanzadas pola caída de árbores.

O estado onde se rexistra un maior número de vítimas (cinco) ata o momento é Carolina do Norte, onde Irene tocou terra o sábado como un furacán de categoría 1 na escala de Saffir-Simpson, dun máximo de cinco.

O vórtice de Irene impactou preto de Coney Island, na cidade de Nova York, "con ventos máximos sostidos de 100 quilómetros por hora ao redor das 09.00 hora local (13.00 GMT)", indicou o Centro Nacional de Furacáns (CNH) de Estados Unidos, nun boletín especial. A chegada de Irene á cidade de Nova York deixou sen luz a máis de 200.000 persoas e provocou as primeiras inundacións en lugares próximos ao río Hudson.

As autoridades ordenaran a evacuación obrigatoria dunhas 370.000 persoas que viven nas zonas con maior risco de inundacións e calculan que uns 9.500 neoiorquinos pasaron a noite do sábado nalgúns dos 91 refuxios repartidos pola cidade.

Comentarios