Asasinan a tiros na súa casa ao presidente de Haití

A primeira dama tamén resultou ferida de bala durante o asalto
Foto de archivo de Moise. EFE
photo_camera Foto de arquivo de Moise. EFE

O presidente de Haití, Jovenel Moise, foi asasinado este mércores por homes armados que perpetraron un asalto á súa residencia de madrugada no barrio de Pelerin de Porto Príncipe, informou o primeiro ministro interino, Claude Joseph.

No asalto resultou ferida de bala a primeira dama, Martine Moise, que está a recibir coidados médicos, segundo un comunicado lido por Joseph na radio.

"Esta mañá mesmo, á unha da mañá, 7 de xullo, un grupo de persoas non identificadas, que falaban en español e inglés, asasinaron o presidente da República. O presidente morreu por mor das súas feridas", dixo o primeiro ministro interino.

Joseph chamou á calma da poboación e asegurou que a "situación de seguridade do país está baixo control" e condenou o magnicidio, que cualificou como "un acto de barbarie".

O asasinato prodúcese dous meses antes das eleccións presidenciais e lexislativas convocadas para o próximo 26 de setembro, uns comicios nos que Moise non podía ser candidato.

Moise convocara para a mesma data un referendo para aprobar unha nova Constitución, un proxecto que non contaba co apoio da oposición nin da comunidade internacional.

Haití atravesa un forte crise política desde mediados de 2018 e viviu o seu momento máis grave o pasado 7 de febreiro, data na que Moise denunciou que a oposición, co apoio de xuíces, tramaban un golpe de estado.

De forma paralela, Haití atravesa unha honda crise de seguridade, que se agravou en especial desde comezos de xuño por loitas territoriais entre as bandas armadas que se disputan o control dos barrios máis pobres de Porto Príncipe.

Comentarios