Alemaña expulsa ao representante da CIA en Berlín

O Goberno alemán anunciou hoxe que instou ao máximo representante dos servizos secretos estadounidense da embaixada de EEUU en Berlín a abandonar o país. O portavoz da Cancillería, Steffen Seibert, informou desta decisión nun comunicado tras os dous últimos casos de presunta espionaxe estadounidense detectados en Alemaña na última semana.

"A solicitude fíxose á luz da investigación que leva a cabo o fiscal xeral, así como polos meses transcorridos sen obter respostas sobre as actividades dos servizos secretos de EEUU en Alemaña", argumentou o portavoz.

Seibert agregou que o Executivo da chanceler, Angela Merkel, tómase "moi en serio" este asunto, a pesar de que considera "indispensable" unha cooperación "estreita e en confianza" con Washington "en interese da seguridade dos seus cidadáns e das súas misións no estranxeiro".

Para manter este tipo de relacións bilaterais é "necesaria" a "confianza mutua" e a "transparencia", sinalou Seibert, algo que Berlín "espera dos seus socios máis estreitos".

Pouco antes deste comunicado, Merkel avogara por esperar ata que concluísen as investigacións en marcha para estudar posibles consecuencias.

Nunha rolda de prensa, a xefa do Goberno alemán sinalou que non "quería especular" sobre as accións que tomaría o Executivo, despois de que varios medios avanzasen que estaba a barallar a expulsión do contacto na embaixada de EE.UU. en Berlín dos dous presuntos espías detectados nos últimos sete días.

Ao seu xuízo, é necesario que primeiro queden "suficientemente claros" os feitos, algo no que será decisiva a investigación que está a levar a cabo actualmente a fiscalía federal.

Merkel tachou de perda "de enerxía" o espiar a socios cando hai "enormes problemas" na actualidade, como o do terrorismo yihadista, e instou a concentrarse "no esencial".

"A guerra fría concluíu", as tarefas dos servizos secretos no século XXI deben ser outras moi distintas, e o fundamental é manter a "confianza" entre aliados que "comparten valores", engadiu.

"Nestes tempos o decisivo é manter a confianza, porque máis confianza significa máis seguridade", argumentou.

Pola súa banda, o ministro de Interior, Thomas de Maizière, avanzou que Alemaña está decidida a "fortalecer" a protección das súas comunicacións e os labores de contraintelixencia, "esenciais" para a defensa da democracia. Segundo as primeiras investigacións, explicou, os supostos espías detectados na última semana non tiveran acceso a ningún tipo de información importante.

A fiscalía federal anunciou onte que estaba a investigar a unha persoa que traballa no Ministerio de Defensa alemán ante a posibilidade de que filtrase información aos servizos secretos de EEUU, e ademais efectuou varios rexistros.

O mércores da semana pasada a fiscalía detivo a un espía alemán acusado de actuar como axente dobre para Washington, a quen desviaría 218 documentos, entre eles actas da citada comisión que investiga a actividade da intelixencia de EE.UU. en Alemaña.

Comentarios