Al Sisi pomete a Exipto a volta da estabilidade e un ''futuro brillante''

O exxefe do Exército Abdelfatah al Sisi, prometeu hoxe un "futuro brillante" e a volta da estabilidade no país, tras ser elixido presidente de Exipto ao obter o 96,91 por cento dos votos nos últimos comicios.

No seu primeiro discurso á nación despois de que a Comisión Electoral confirmase a súa vitoria electoral, Al Sisi afirmou que "xa chegou o momento de traballar para que Exipto avance cara a un futuro brillante e para que volva a estabilidade a esta patria". "O futuro é unha folla en branco que podemos encher co que queiramos: con pan, liberdade, dignidade humana e xustiza social", asegurou o mandatario electo, en alusión ás tres demandas que se popularizaron durante a revolución que desbancou do poder a Hosni Mubarak en febreiro de 2011.

Vestido con traxe e gravata, sobre un fondo branco e xunto a unha bandeira nacional, o que fora xefe das Forzas Armadas considerou que os exipcios se merecen eses resultados electorais polos sacrificios que fixeron ao longo de dúas gloriosas revolucións", en alusión á caída de Mubarak e á do islamita Mohamed Mursi en xullo pasado a mans do Exército tras masivas manifestacións. Así mesmo, agradeceu na súa breve alocución a actuación nas eleccións dos exipcios e do seu adversario, o esquerdista Hamdin Sabahi, que apenas logrou o 3,09 por cento dos sufraxios. Segundo Al Sisi, Sabahi representou unha "oportunidade seria para que houbese unha competición electoral".

O mariscal retirado chamou a unidade do pobo e ao traballo en común, ao sinalar que a división sería un "erro contra a patria". "A miña confianza en deus non ten límites, e confío tamén na vosa conciencia dos riscos que afronta a patria para que traballemos xuntos de forma sincera e insistente para lograr o éxito", agregou.

Comentarios