Polo menos sete falecidos en dúas explosións nun mercado de Nixeria

Polo menos sete persoas morreron hoxe e outras 48 resultaron feridas en dúas explosións ocorridas nun mercado popular da localidade de Potiskum, no nordés de Nixeria, segundo informaron a Efe fontes dos servizos de urxencia.

As explosións, ao parecer sucesivas, producíronse sobre as 15.10 hora local (14.10 GMT), cando o mercado da capital comercial do estado de Yobe atopábase repleto de xente.

"Estaba preto do mercado Jagwal cando, de súpeto, escoitei unha forte explosión. Antes de poder entender o que estaba a suceder, escoitei a segunda explosión. Despois vin a xente correndo, fuxindo do mercado", explicou a Efe Mohamed Jubril, un residente da localidade.

Os feridos están a ser atendidos no Hospital Xeral de Potiskum, segundo confirmaron fontes dos servizos de urxencia, que non descartan que a cifra de vítimas mortais ascenda debido ao gran número de feridos.

Este ataque ocorre despois de que onte polo menos dúas persoas morresen na explosión dun coche bomba situado enfronte dunha estación de Policía de Potiskum, informou o diario The Punch.

Tamén onte un ataque suicida con bomba perpetrado supostamente por unha menor noutro mercado da localidade de Maiduguri, no norte de Nixeria, causou polo menos 20 mortos e 18 feridos.

Non é a primeira vez que Potiskum é obxectivo dos terroristas, xa que o pasado 10 de novembro polo menos 48 persoas -na súa maioría estudantes- morreron e outras 79 resultaron feridas na explosión dunha bomba nunha escola de secundaria da localidade.

Aínda que ninguén reivindicou o atentado, todas as sospeitas apuntan á milicia radical Boko Haram, cuxo nomee significa en linguas locais "a educación non islámica é pecado" e autora de múltiples ataques no norte do país

A seita islámica, que loita por instaurar un estado islámico en Nixeria, mantén unha sanguinaria campaña no país, onde morreron máis de 3.000 persoas no que vai de ano, segundo datos do Goberno nixeriano.

Comentarios