Dúas persoas mortas no bombardeo dun hospital materno-infantil de Siria

O ataque afectou a entrada do centro, que é o maior da zona e que atende unhas 1.300 mulleres e 300 partos ao mes

Polo menos dúas persoas morreron este venres e varias resultaron feridas nun bombardeo a un hospital materno-infantil apoiado pola ONG Save the Children no norte de Siria, informou a propia organización na súa conta de Twitter.


A ONG indicou que o ataque se rexistrou na provincia setentrional de Idleb e mostrou un vídeo con imaxes das desfeitas causadas polo bombardeo, nas que se vía un edificio completamente derrubado e o paso de varias ambulancias.


Unha portavoz de Save the Children explicou a Efe por correo electrónico que o bombardeo afectou a entrada do hospital, que é o maior da zona e que atende unhas 1.300 mulleres e 300 partos ao mes.

A portavoz destacou que o 61% dos pacientes do centro, o único deste tipo no oeste de Idleb, son nais e o 39%, nenos. O hospital máis próximo que proporciona servizos similares está a polo menos 70 quilómetros de distancia.

Pola súa banda, o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos sinalou que houbo varios mortos e feridos nun ataque de avións de guerra de orixe descoñecida contra un centro médico e outro da Defensa Civil no pobo de Kafr Tajarim, no norte de Idleb.

Esta fonte non precisou se as instalacións sanitarias atacadas eran o hospital materno-infantil ao que se refire Save the Children.

O Observatorio subliñou que no bombardeo un dirixente da Fronte da Conquista do Levante (antiga Fronte al Nusra), orixinario dun país do golfo Pérsico, perdeu a vida e que o centro médico quedou fóra de funcionamento.

Os ataques aéreos a instalacións sanitarias convertéronse nunha táctica común no conflito en Siria.

Na última semana, catro hospitais de campaña da provincia de Alepo —tres deles na súa capital homónima, e outros na poboación de Atareb— suspenderon os seus servizos por bombardeos.

Nun comunicado, Amnistía Internacional (AI) lamentou o ataque ao centro sanitario de Idleb e afirmou que "parece que é parte do patrón despreciable de ataques ilegais e deliberados contra instalacións medicas".

Comentarios