Polo menos 87 mortos na represión policial dunha manifestación en Guinea

Polo menos 87 persoas morreron este luns en Conakry, a capital de Guinea, cando as forzas de seguridade dispersaron unha manifestación multitudinaria organizada pola oposición á xunta militar que goberna o país, segundo informaron emisoras rexionais e senegalesas.

A marcha, convocada pola oposición, protestaba contra unha eventual candidatura do xefe da xunta militar no poder, o capitán Moussa Dadis Camara, para os próximos comicios presidenciais, que se celebrarán en xaneiro.

Ao parecer, os policías dispararon contra unha marcha na que participaban varios miles de persoas que acudiron á manifestación organizada no estadio de Conakry. A ela acudiron as ''forzas vivas'' do país, incluíndo os partidos opositores, os sindicatos e organizacións da sociedade civil.

Con esta concentración, os participantes desatenderon unha prohibición do Ministerio de Seguridade que suspendeu todas as manifestacións públicas no país ata o 3 de outubro.

Feridas de bala
Ata o hospital universitario de Donka foron levados varias decenas de cadáveres, ''na súa maioría con feridas de bala''. Un médico do centro cualificou de ''carnicería'' a violencia con que a policía reprimiu a manifestación.

A fonte do hospital de Donka confirmou así mesmo que decenas de persoas feridas, algunhas de gravidade, foron ingresadas nese hospital.

A emisora RFM sinalou que antes de disparar con lume real, a policía lanzou granadas lacrimóxenas e golpeou con bastóns aos manifestantes.

Entre os feridos atópanse dous ex primeiros ministros guineanos: Cellou Dalein Diallo e Sidya Touré, que foron detidos e conducidos a un cuartel militar, indicou a emisora.

Golpe de estado
A Xunta que encabeza Camara alzouse co poder nun golpe de estado o 23 de decembro de 2008, poucas horas despois do falecemento do presidente Lansana Conte, que ocupara o poder en Guinea durante 24 anos.

O líder golpista, que se comprometeu publicamente a asegurar a transición e organizar eleccións para devolver o poder aos civís, dixo que non propugnaría persoalmente a súa candidatura nas eleccións presidenciais, aínda que puntualizou que si o poderían facer libremente grupos ou asociacións favorables ao seu nomeamento.

Ao mesmo tempo, Camara prometeu que os demais membros da xunta tampouco serían candidatos nas eleccións lexislativas.

A oposición asegura que non aceptará ''de ningún xeito'' a candidatura de Camara e dubida da capacidade da xunta militar para organizar uns comicios limpos e transparentes.

Comentarios