Achan morto na súa cela ao millonario Jeffrey Epstein

Estaba en prisión acusado de estar implicado nunha trama de abusos e explotación sexual de menores
Jeffrey Esptein. EP
photo_camera Jeffrey Esptein. EP

O millonario Jeffrey Epstein, de 66 anos, acusado de estar implicado nunha trama de abusos e explotación sexual de menores, foi achado morto este sábado na súa cela, nun cárcere federal de Manhattan, en Nova York, informou o xornal The New York Times.

Epstein, quen foi detido a comezos do pasado xullo, foi achado aforcado na súa cela ao redor das 07.30, hora local (11.30 GMT), sinala o Times. Os servizos de urxencias de Nova York recibiron unha chamada do cárcere sobre un posible caso de fallo cardíaco.

O pasado xullo, Epstein xa foi atopado inconsciente na súa cela en Manhattan con marcas no pescozo e as autoridades investigaban se se tratara xa dun intento de suicidio.

O magnate financeiro xa se enfrontou a acusacións deste tipo en Florida, pero en 2008 alcanzou un acordo extraoficial coa Fiscalía para que se pechase a investigación que, de telo achado culpable podería terlle carrexado unha pena de cadea perpetua.

O pasado venres un xuíz da Corte de Apelacións de Manhattan ordenou que se publicasen centos de documentos sobre Epstein, que pertencían a un caso paralelo pechado contra unha muller que era supostamente a súa "reclutadora".

Comentarios