Renault Mégane Cabrio

Renault xa comercializa a nova xeración do Mégane CC. Supón a sexta carrocería na actual familia do Mégane e mide 4,48 metros de longo. O novo modelo destaca polo seu atractivo deseño e o seu obxectivo é recuperar unha posición de referencia en canto a vendas no exclusivo segmento dos convertibles.

O aumento das dimensións exteriores reflíctese no habitáculo que, con relación ao anterior modelo ten unhas dimensións máis xenerosas, sobre todo, nas prazas dianteiras. Tamén destaca a adopción dun parabrisas dianteiro recortado en seis centímetros e que aumenta a sensación de amplitude.

Outra característica diferenciadora deste modelo é o ampio teito de cristal —o máis grande da categoría— divisible en dúas pezas e que dota ao interior dunha gran luminosidade, incluso cando o coche está tapado.

Estruturalmente, o novo Mégane CC foi sometido aos pertinentes reforzos que compensen a ausencia de teito e realizouse unha redistribución de pesos, xa que se gañan 160 quilos (110 só coa capota e o seu mecanismo) respecto da berlina. Co traballo realizado, o comportamento deste modelo móstrase impecable en todo tipo de circunstancias.

A oferta mecánica contempla de inicio catro motores: gasolina de 130 cabalos e diésel de entre 110 e 160 cabalos. Todos veñen, de serie, con cambio manual de seis velocidades. No entanto a oferta ampliarase nos próximos meses coas versións GT e GT Line, que tamén chegarán ás demais versións da familia Mégane. Tamén haberá unha versión con cambio automático DSC.

O Mégane Coupé-Cabriolet xa está á venda nos concesionarios cuns prezos que varían entre os 25.400 euros (gasolina 130 CV Dynamique) e os 31.000 euros do dCi de 160 CV, con acabado Privilege. Co pack GT Line, estará entre 26.900 e os 29.500 euros.

Comentarios