Un incendio en Rianxo arrasara a medianoite cen hectáreas de monte

Un incendio forestal declarado pola tarde no municipio coruñés de Rianxo continuaba a medianoite, segundo informaron fontes da Consellería do Medio Rural. Mentres, a Xunta dá por controlados os lumes rexistrados este domingo na Mezquita, Chandrexa de Queixa e Boiro.

O lume na parroquia rianxeira de Asados iniciouse pola tarde e a medianoite xa afectara a unhas cen hectáreas de monte. Segundo informaron fontes da Xunta, traballaban na extinción un técnico, seis axentes, catorce brigadas, nove motobombas, tres pas, cinco avións e outros tantos helicópteros.

En canto ao rexistrado esta tarde no municipio ourensán da Mezquita foi controlado, segundo indicou a EFE a Consellería de Medio Rural, a falta de coñecerse os datos da superficie afectada.

O lume iniciouse ás 17:43 horas na parroquia de Vilavella e traballan no seu control numerosos medios de extinción. En concreto, toman parte catro helicópteros e oito avións, así como un técnico de medio rural, dous axentes, nove brigadas, tres motobombas e unha pa.

O alcalde da localidade, Rafael Pérez, quen se atopaba nestes momentos na zona, sinalou a EFE en relación con este lume que non é o primeiro que se produce nese mesmo lugar. Nos últimos días, o municipio contabilizou "varias tentativas de incendios" nese mesmo punto, que conta cunha plantación de piñeiros que supón "unha importante riqueza para o pobo". En concreto, a pasada semana o alcalde rexistrou alí "entre tres e catro intentos" que chegaron a máis "por sorte".

Nestes momentos, os efectivos atópanse refrescando a zona a fin de extinguir o lume.
Fontes dos servizos de extinción estimaron que poderían arder máis de dez hectáreas, aínda que estes datos aínda están por confirmar.

Por outra banda, Medio Rural informou da extinción dun conato de incendio no municipio coruñés de Boiro, que se iniciou ás 18.40 horas e queimou 0,07 hectáreas, segundo informacións que recolle a axencia de noticias Europa Press no seu portal web.

Ademais, informa de que permanecen controlados outros dous lumes, un no municipio coruñés de Boiro e outro na localidade ourensá de Chandrexa de Queixa. O incendio de Boiro, na parroquia de Macenda, permanece controlado desde as 17.50 horas e queimou dúas hectáreas. Nos traballos de extinción participan un axente, nove brigadas, tres motobombas, catro helicópteros e catro avións.

Así mesmo, tamén está controlado, desde as 16.00 horas, o lume de Chandrexa de Queixa, orixinado na parroquia de Rabal e que queimou 4,5 hectáreas. Nos labores de extinción participan un axente, catro brigadas, catro motobombas, catro helicópteros e catro avións.

Comentarios