Trinta firmas inician a revisión do grupo 3 da central térmica pontesa

A actuación arrincou este luns e suporalle a Endesa un investimento de 6,9 millóns de euros

Unha trintena de empresas participarán na revisión do grupo tres da central térmica das Pontes, unha actuación que arrincou onte e que lle suporán a Endesa un investimento de 6,9 millóns de euros.

Na revisión, que durará uns 38 días, faranse labores de mantemento en todos os elementos sensibles do grupo como a caldeira, o condensador, a turbina e o alternador. Estudarase o seu estado e substituiranse parte das pezas por outras novas.

«Este tipo de revisións programadas realízanse en razón de dous parámetros: alcanzar as 30.000 horas de funcionamento ou haberse cumprido os prazos establecidos pola lexislación vixente para equipos a presión», explican desde Endesa, mentres destacan que os outros tres grupos, o 1, o 2 e o 4, permanecerán en disposición de atender a demanda do mercado.

«Endesa é moi estrita no mantemento preventivo como fórmula idónea para evitar avarías», aseguran desde a compañía eléctrica, desde a que destacan que grazas a iso «a central das Pontes consegue un elevado índice de dispoñibilidade da instalación, o que mellora a súa posición no mercado».

Nesta nova revisión da central, que foi o motivo das longas colas que se xeraron nas Pontes para conseguir un posto de traballo cunha duración de pouco máis dun mes, traballan unha trintena de subcontratas, algunhas compañías fincadas na comarca.

Comentarios