Clases sobre compostaxe doméstica e agricultura ecolóxica no Día Mundial do Medio Ambiente

Sogama organiza un curso de verán sobre xestión de residuos promovido pola UIMP

Desenvolverase entre o 1 e o 3 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) organizará un curso de verán sobre xestión de residuos promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Baixo o título Xestión sostible dos residuos: alternativas e eficiencia, a empresa pública exporá as alternativas existentes para dar o mellor tratamento aos refugallos.


O curso, que se desenvolverá durante tres xornadas —sumando 20 horas lectivas— desenvolverase do 1 ao 3 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense. Está dirixido a membros da administración local e autonómica, profesionais do sector, estudantes universitarios e, en xeral, calquera persoa interesada na temática.

Á inauguración do curso asistirán a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez; o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino; o director da UIMP en Galicia, Domingo Bello Janeiro; e o presidente en funcións da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Durante esta primeira xornada, intervirán poñentes como Carlos Martínez Orgado, presidente de honra da Fundación Economía Circular, quen falará das implicacións deste modelo económico na xestión de residuos. Posteriormente, Ana López Piñeiro, asociada senior do despacho de avogados Garrigues, adentrarase no marco regulatorio na materia. María José Echevarría Moreno, subdirectora xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, será a encargada de debullar o plan galego de xestión de residuos urbanos para o período 2010-2020.

Pola tarde celebrarase unha mesa redonda, moderada polo director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, na que se abordarán as novas tecnoloxías da información na xestión dos residuos.

A segunda xornada servirá para analizar a situación actual da xestión dos residuos en España, encargándose diso a subdirectora xeral adxunta do Ministerio de Agricultura, Margarita Ruiz Saiz-Aja. Seguiralle María Teresa Barral Silva, docente do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, quen explicará as características, funcionamento e resultados da compostaxe industrial e doméstica. Completará a rolda de intervencións Rafael Guinea, presidente da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos.

Do mesmo xeito que na xornada anterior, na sesión vespertina celebrarase unha mesa redonda sobre o papel da educación ambiental na xestión dos residuos urbanos.

Durante a terceira e última xornada o director da Fundación Finnovaregio en Bruxelas, Juan Manuel Revuelta, profundará na xestión dos refugallos urbanos na contorna europea, dando a coñecer os sistemas de recollida, reciclaxe e valorización. Posteriormente, será a quenda do director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, quen falará do modelo da empresa pública. O último relatorio do curso será a do director da área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, Javier Bobe Vázquez, que exporá o modelo de xestión dos residuos na estratexia ambiental deste organismo.

Comentarios