Sete acusados de pescar con dinamita non irán a prisión ao aceptar a súa culpa

Sete persoas acusadas de utilizar dinamita para a pesca de sardiña na provincia de Pontevedra ratificaron esta mañá o pacto coa fiscalía, que supón que aceptan unha pena de dous anos de prisión que será suspendida ao non contar con antecedentes penais.

Dos sete condenados, todos menos un -o vendedor da dinamita, que compraba en Portugal, e cuxo domicilio está en Arbo- eran armadores ou patróns pesqueiros, tres de Redondela, un de Vigo, un de Sanxenxo e un de Cangas.

Acumularon máis de 100 quilos de explosivo, que usaban para a pesca de sardiña, principalmente na campaña de 2010, aínda que o fiscal entendeu que a práctica era habitual desde mediados dos anos noventa.

O material, requisado nunha operación en xuño de 2010 dirixida por un xulgado de Cambados e que se pechou finalmente en 2011 con novas intervencións, achouse en almacéns no porto de Vigo e en leiras de Sanxenxo.

Os sete acusados -inicialmente eran oito, pero un deles faleceu recentemente limitáronse durante o breve trámite ante os maxistrados a contestar "si" ás preguntas sobre se aceptaban a pena.

O fiscal informou favorablemente acerca da suspensión do ingreso en prisión, tendo en conta de que os procesados non tiñan antecedentes, e, en todo caso, sempre que non delincan nos tres anos próximos.

Comentarios