Segundo Ence, Pontevedra perderá a sona de cidade que cheira mal

Ence presentou esta mañá en Pontevedra os seus resultados ambientais, que segundo os datos da compañía melloraron ata o punto de que os "episodios de impacto oloroso" reducíronse en 2012 un 83%.

Os resultados tamén melloraron respecto da demanda química de osíxeno, un indicador da calidade da auga vertida, que se reduciu un 21,83%, o que implica que estea preto dun 79% por baixo do máximo admitido segundo os indicadores europeos de referencia.

Ence tamén informa de que en cinco anos -entre 2007 e 2012- reduciu 9% a cantidade de auga que usa e que investiu catro millóns de euros en reducir a emisión de vapor de auga polas súas chemineas.

A empresa tamén adxudicou xa un concurso para embelecer o aspecto da fábrica, situada na ría de Pontevedra, e mellorar así a "integración arquitectónica e paisaxística".

Ence comprométese a que os indicadores sigan mellorando, segundo defende o seu director, Antonio Casal, que insiste en que deben "seguir traballando" para conseguir o obxectivo do "cheiro cero".

Comentarios