domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

APDR denuncia a agresión ambiental que sofre o río Verdugo

riocontaminado_dentro.jpg
riocontaminado_dentro.jpg

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) presentou diante das Consellerías de Política Territorial e Medio Ambiente unha denuncia polos danos que causaron as obras de construción dunha pista forestal no Concello da Lama (Pontevedra), e que "seguen e seguirán causando danos no futuro se non se realiza unha actuación que os evite".

Segundo recolle a denuncia desta asociación ecoloxista, durante a fase de recheo para construír a plataforma horizontal para a pista producíronse importantes derribamentos de materiais de todo tipo, "incluíndo grandes bloques de rocha que danaron a vexetación do bosque e modificaron o cauce do río", tal e como denuncia a asociación ecoloxista. E engaden que a construción dunha ponte sen ningún tipo de previsión de impacto modificou tamén de forma irreversible o cauce dun vello muíño.

"Dado que os traballos de construción da pista se abandonaron cedo, os recheos quedaron escasamente consolidados e desprotexidos ante a erosión". Esta situación permitiu, segundo APDR, que desde entón se produzan arrastres de grandes cantidades de sólidos que provocaron danos no curso do río, e sepultan parcialmente a vexetación presente nas beiras do cauce.

Así o indicou o portavoz da asociación, Benito Andrade, quen explicou que esta erosión se fai máis visible nos surcos que a auga escava durante os períodos de chuvia.

O colectivo asegura que a inestabilidade dos recheos da plataforma e a desprotección dos mesmos que están a ser notablemente erosionados supón un grave perigo para o futuro xa que, se as circunstancias acompañan, podería producirse un derrubamento en masa que arrastraría a vexetación da beira e o colapso do cauce do río Verdugo.

Por todo iso, APDR solicita que se identifique e se sancionen ós autores desta "agresión inútil", da que indica non está exento de responsabilidade o Concello da Lama, e que se tomen as medidas para evitar que nun período de precipitacións intensas se produza o derrubamento dos recheos acumulados nas ladeiras no val do Verdugo nesta zona, provocando graves danos ao río.

O río Limia, abandonado
Outro río ameazado, esta vez pola cantidade de lixo que soportan as súas augas, é o Limia, en Ourense. A este respecto, o senador do BNG, Francisco Jorquera, pediu ó Goberno Central que a Confederación Hidrográfica do Norte se encargue da súa limpeza.

Jorquera denunciou no Senado "a situación de total abandono" na que se atopan as marxes do río, ó seu paso polo concello de Xinzo, en concreto nos dez quilómetros que transcorren desde a localidade de Freixo por Sarreaus, Perrelos, Piñeira Seca, Solveira e Pidres, ata Portoalto.

Segundo o senador nacionalista, a última vez que se limpou este tramo do río Limia foi "hai máis de trinta anos, cando se fixo a concentración parcelaria".

Dende aquela, a bouza invadiu as marxes do río e as árbores ocuparon o seu leito, o que provocou que se formasen bancos de area que fan que se desborde o cauce do río, cando chove, e en consecuencia asoláganse as leiras veciñas.

Por este motivo, a formación nacionalista pediu ó Goberno español que a Confederación Hidrográfica do Norte, "organismo responsable da xestión da conca do Limia, realice unha limpeza con carácter urxente da bouza, das árbores e do lixo" que se acumulan nesta zona do río.

APDR denuncia a agresión ambiental que sofre o río Verdugo
Comentarios