Desactivada a alerta 1 na Merca e Paderne de Allariz e controlado o lume de Outeiro de Rei

A Consellería de Medio Rural desactivou a alerta 1 nos incendios da Merca e Paderne de Allariz, na provincia de Ourense, que, no entanto, permanecen activos.

No primeiro caso a alerta foi desactivada ás 00:40 horas, ao constatar que xa non había risco para as vivendas. O lume iniciouse ás 13:40 horas e queimou unhas 300 hectáreas, a pesar dos esforzos de catro axentes forestais, 21 brigadas, 6 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 7 avións.

O incendio de Pederne de Allariz, no que tamén se desactivou a alerta de nivel 1, iniciouse ás 15:04 horas e afecta a 70 hectáreas, das que 40 son de superficie rasa e o resto de arboredo.

En canto aos incendios que están xa controlados, na provincia de Lugo o lume en Outeiro de Rei, parroquia do mesmo nome, quedou controlado ás 00:40 horas desta madrugada.

Este incendio empezou ás 16:28 de onte e segundo estimacións provisionais, a superficie afectada é de 40 hectáreas, 20 de monte raso e outras 20 de arboledo.

Na provincia de Ourense, ás 22:08 horas de onte quedou controlado o incendio rexistrado no municipio de Maside, parroquia de Garabás, no que unhas horas antes, ás 20:16, desactivábase o Nivel 1.

Este incendio comezou ás 16:08 horas da tarde de onte e segundo novas estimacións provisionais a superficie é de 15 hectáreas de monte arboledo.

Respecto dos incendios xa extinguidos, na provincia de Lugo o lume que comezou ás 15:31 horas da tarde no municipio de Guitiriz, parroquia de Parga, quedou apagado ás 21:20 horas de onte.

Novas estimacións provisionais apuntan a que a superficie afectada é de 8,9 hectáreas, delas 8,4 de superficie arboredo.

En Ourense, desde as 01:30 horas da madrugada está extinguido o incendio do municipio da Mezquita, parroquia de Pereiro.

Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 45 hectáreas de monte raso.

Tamén está extinguido desde as 01:35 da madrugada o lume do municipio da Gudiña, parroquia de Tameirón, que se rexistrou onte ás 16:23 horas. As últimas estimacións provisionais indica que a superficie afectada é de 140 hectáreas de monte raso.

Desde as 21:35 horas de onte tamén está extinguido o lume rexistrado no termo municipal de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, tras comezar ás 14:21 horas do mediodía do luns.

A superficie afectada por este incendio é de 20,5 hectáreas, das cales 10,25 son de monte raso e outro tanto de monte arboledo, segundo estimacións provisionais.

A Consellería do Medio Rural e do Mar recorda que está a disposición dos cidadáns o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben de chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Comentarios