Controlado un lume na Merca que obrigou a activar o nivel 2 de alerta pola súa proximidade ás casas

Quedou baixo control, segundo Medio Rural, ao redor das 20.30 deste mércores. Orixinouse pouco máis de dúas horas antes

A Consellería de Medio Rural deu por controlado este mércores ás 20:34 horas o incendio forestal na Merca, en Ourense, no que durante algúns minutos estivo activada a situación 2 pola proximidade ás vivendas. Arrasou unha superficie próxima ás 20 hectáreas.

Medio Rural indica nun comunicado que o lume comezou minutos antes das 18 horas da mesma xornada e que se estabilizou sobre as 19:30 horas.

No seu control participaron 2 axentes forestais, 10 brigadas, 5 motobombas, 6 helicópteros e 9 avións.

Ademais deste incendio, a Xunta indica nun comunicado que segue controlado o lume de Castro de Beiro, tamén en Ourense, tras queimar unhas 30 hectáreas.

Comentarios